27/07/2010 O Concello de Carballo, Protección Civil e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG), impulsan unha campaña que ten como obxectivo promover a participación dos veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue e, deste xeito, garantir o axeitado desenvolvemento do labor asistencial nos centros sanitarios galegos. Nos últimos días e tamén ao longo da próxima fin de semana, os usuarios e usuarias das praias do municipio recibirán información cumprida da próxima campaña de doazón do CTG, especialmente a través dos altofalantes dos areais. Carballo rexistrou en 2009 un total de 1.185 doazóns, con 42 por cada 1.000 habitantes e ano, o que supera as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Aínda así, "facemos este chamamento para que os veciños e veciñas respondan e sigan manténdose ou aumentándose os resultados", explica o Alcalde, Evencio Ferrero. As persoas que desexen participar poden acudir á unidade móbil do CTG que estará situada na rúa Cervantes (fronte ao Súper Froiz) o luns 2 e o martes 3 de agosto en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
O responsable de Promoción do CTG, Antonio Carcedo, agradeceu a colaboración do Concello de Carballo nas campañas de doazón, "xa que o contacto é durante todo o ano". Así, cada mes o CTG conta cunha Unidade Móbil que permanece alomenos dous días no centro da vila. Carcedo lembrou así mesmo algunhas das recomendacións para realizar as doazóns, especialmente en verán. Por exemplo, convén facer a doazón dúas horas despois da exposición ao sol, para evitar a deshidratación. Por outra banda, non é necesario acudir en xaxún (sen comer), nin tampouco a primeira hora da mañá. Respecto dos riscos, Carcedo subliña que nunha doazón "é totalmente imposible" que se produza ningún tipo de contaxio, e engade que en dúas horas xa se ten recuperado o volume de sangue doada ou que en tan só 20 días o corpo xa se ten recuperado por completo das consecuencias da doazón. Desexou "continuar mantendo os resultados de Carballo por riba da ratio da OMS".Buscador:
© Concello de Carballo, 2009