28/07/2010 O Presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, veñen de subscribir na sede da institución provincial un acordo para a construción dunha escola infantil no municipio de Carballo. De acordo co convenio, a institución provincial destinará 550.000 euros para a edificación do novo centro infantil para nenos e nenas menores de tres anos, que se situará nunha parcela de 2.591 metros cadrados situada no entorno da urbanización de Riotorto na estrada de Razo. A aprobación da achega provincial para poder emprender a actuación realizouse na sesión plenaria ordinaria do mes de maio, e está previsto que as obras comecen antes de que remate 2010. Segundo se recolle no proxecto, o novo edificio distribuirase en dúas zonas principais: unha zona infantil composta por aulas e un espazo central de xogo e multiusos, na que se busca o contacto co terreo exterior para os xogos; e unha zona de adultos, que inclúe o espazo para o profesorado, un cuarto de servizo e outras instalacións.
A futura escola infantil terá dúas unidades para aulas de nenos e nenas de 1 a 2 anos e tres unidades para nenos e nenas de 2 a 3 anos. Cada unha das aulas contará co seu propio aseo e conexións, tanto co espazo central de xogo, como co espazo exterior, onde se construirá unha aula ao aire libre. Tamén está previsto que o edificio dispoña de dúas aulas destinadas a nenos e nenas menores dun ano nas que haberá unha zona separada para berces. A edificación terá o seu propio aparcadoiro privado e un acceso individual para mercadorías. Nunha recente visita a Carballo, o Vicepresidente provincial, Pablo Villamar, afirmou que "a crise non é unha escusa para que Carballo non conte con esta nova escola infantil" e reiterou o seu compromiso cos traballos. Así mesmo, o deputado Xoán Sande subliñou a vontade da Deputación de colaborar co proxecto para cubrir "unha necesidade perentoria do Concello de Carballo, que conta cuns 300 nacementos ao ano".Buscador:
© Concello de Carballo, 2009