Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Actualidade

COMPARECENCIAS DE BELÉN LENDOIRO E EVENCIO FERRERO

O pleno aborda a aprobación inicial do Regulamento do Mercado Municipal e a adxudicación de tres postos de alimentación

O pleno aborda a aprobación inicial do Regulamento do Mercado Municipal e a adxudicación de tres postos de alimentación

04/05/2012 A corporación carballesa celebra o luns 7 de maio un pleno extraordinario no que dous dos principais puntos da orde do día refírense ao novo mercado. Así, está previsto abordar a aprobación inicial do Regulamento do Mercado Municipal de Abastos, un documento que foi estudado durante o mes de abril por todos os grupos da corporación e que inclúe novidades como o establecemento dunha sinalización e un equipamento común por gremios nos postos da praza ou a inclusión de mecanismos de publicidade como un apartado na páxina web municipal con información relativa aos postos, aos produtos que teñen á venda, á inclusión de reparto a domicilio, a promocións que queiran poñer en marcha, etc. No decorrer da comisión informativa houbo discrepancias entre os grupos políticos municipais sobre o artigo do regulamento referido ao emprego do galego na rotulación e sinaléctica do edificio, polo que haberá que esperar á resolución plenaria para despexar as dúbidas neste punto. O outro asunto relacionado co mercado municipal aborda a adxudicación da concesión administrativa de tres postos de alimentación do primeiro andar: un para peixe de 7 metros cadrados; un de froitas e verduras de 16,9 metros; e un destinado a carnicería de 11,7 metros. O importe total da adxudicación dos tres supera os 46.000 euros.

No apartado de Facenda, a sesión inclúe a aprobación dun segundo recoñecemento extraxudicial de crédito para o exercicio de 2012 por un importe de 171.239,99 euros. Hai que lembrar que no pleno de marzo, e a raíz do decreto do Goberno de medidas contra o déficit das administracións públicas, xa se aprobara un recoñecemento extraxudicial de 311.637,36 euros para facturas rexistradas en 2011 e non abonadas a 31 de decembro de 2011. Neste caso, o mecanismo destínase a abonar facturas rexistradas no ano 2012 pero que teñen data ou contan con albaráns datados en 2011. Dentro dos asuntos económicos, o pleno tamén dará conta do Informe de intervención e tesourería de loita contra a morosidade relativo ao primeiro trimestre de 2012. Durante o presente exercicio, a normativa esixe que as facturas se abonen en 40 días dende o seu rexistro. O Concello carballés abonou entre xaneiro e marzo de 2012 un total de 663 facturas por arredor de 1.086.000 euros dentro do período legal; e pagou 1.000.100 euros fóra dos 40 días esixidos -fronte aos 3,8 millóns de 2011-. No que respecta a facturas pendentes de pago, quedan a final de trimestre 11.680 euros por abonar e no Concello non hai ningunha factura sen consignar con máis de tres meses de antigüidade.

Moción de TEGA e comparecencias

A sesión plenaria inclúe unha moción presentada por Terra Galega na que se propón a inclusión no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación de 2013 da obra "Rede de saneamento en Castelo, 2ª fase, parroquia de Vilela". Sería un proxecto de 125.574 euros que xa foi elaborado en 2006 e revisado a finais de 2011. A pesares de que ningún grupo se opón á realización desta actuación, a proposta semella, segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, prematura e demasiado taxativa, especialmente pola situación económica actual e as dúbidas que existen acerca do futuro dos POS. Por ese motivo, na comisión informativa a moción recibiu a abstención de todos os grupos excepto TEGA, que votou a favor. Por último, o pleno do 7 de maio inclúe as comparecencias da Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e do Alcalde, Evencio Ferrero, no primeiro caso a petición do grupo municipal do PP e no segundo por iniciativa propia. O obxectivo da intervención de Lendoiro é o de que explique as medidas se van a tomar no ano 2012 para corrixir o remanente líquido de tesourería negativo de 1,8 millóns de euros, así como a liquidación negativa do orzamento de 2011 revelada a principios de ano.

Pola súa banda, o Alcalde quere falar sobre os prezos do solo no polígono industrial de Bértoa. Así, Ferrero subliña que "non é o Concello o que fixa o prezo do chan" no parque empresarial, xa que o fai a empresa que urbanizou o polígono e que xestiona o solo que é Xestur. Destaca que "o Concello facilitará sempre que as empresas se instalen en Carballo", ademais de que "os técnicos municipais axilizarán os trámites o máis posible respectando a legalidade". Remata dicindo que "se as empresas non se instalaron no polígono sería porque non o puideron facer, pero desminto rotundamente que o Concello fixera deixación de funcións".

Volver


© Concello de Carballo, 2009