Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Actualidade

O FINANCIAMENTO CORRE A CARGO DE EMPRESAS DO MUNICIPIO

O Concello recibe un vehículo para o departamento de Servizos Sociais que proporcionará transporte gratuíto a quen o precise

O Concello recibe un vehículo para o departamento de Servizos Sociais que proporcionará transporte gratuíto a quen o precise

15/05/2012 O Concello de Carballo vén de recibir de mans da empresa Vehículos Sociales Móviles SL un medio de transporte con capacidade para 9 persoas que aproveitará o departamento de Servizos Sociais. A empresa cede o vehículo para uso municipal durante cinco anos a cambio de insercións publicitarias por parte de negocios do municipio no propio vehículo. Neste caso teñen colaborado un total de 19 empresas. O novo medio de transporte será empregado para proporcionar desprazamentos gratuítos a aqueles que máis o precisen, con especial atención aos beneficiarios/as do Servizo de Axuda no Fogar. Así, esta axuda proporciona coidados de carácter persoal, psicosocial, doméstico e técnico a aqueles/as cidadáns que presenten disfuncións ou discapacidades que lles limiten a súa autonomía persoal e a súa capacidade de relación social, e que teñan dificultades para procurar o seu benestar físico, social e psicolóxico. O Alcalde, Evencio Ferrero, explicou que o proxecto "lévase xestionando durante moito tempo", aínda que a crise atrasou a súa posta en marcha. Agradeceu a participación das empresas porque "nos tempos nos que estamos é difícil, pero tamén é cando a solidariedade se fai máis necesaria". A cita contou coa presenza de representantes das empresas colaboradoras e da Concelleira de Benestar, Silvana Castro.

A iniciativa de Vehículos Sociales Móviles SL esténdese tamén a outros concellos da contorna, xa que acaba de poñerse en marcha en Cerceda e proximamente chegará a Culleredo. No que respecta á listaxe de empresas colaboradoras, son as seguintes: Hostal-Restaurante Río Sil, Aper Seguridad, Akris, CCB-Gadis, Ofset Europa, Construcciones Mouzo y Souto, Metalúrgica BB, Sueiro Asesores e Correduría de Seguros, Retoños, Sistemas Allones, Bercauto, Bercom, Suelnor, Muebles Zas, Óptica Enríquez, Decoraciones J. Bello, Hierros Varela Urbieta e Panadería Añón. En canto a Vehículos Sociales Móviles, trátase dunha empresa con dez anos de experiencia proporcionando a ONGs, asociacións, concellos ou clubs vehículos con fines sociais. A empresa xestiona a compra do vehículo, que ten custo cero para a entidade que o empregará -neste caso o Concello carballés- xa que o financiamento realízase a través da publicidade. O Concello tan só deberá ocuparse do mantemento e do seguro. Unha vez finalizado o prazo de cesión, pode iniciarse un novo proxecto retirándose o vehículo anterior, ou ben este pasa a ser propiedade do Concello.

Volver


© Concello de Carballo, 2009