Cultura

Cultura

- 2024 +
- Abril +
L
M
M
X
V
S
D
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
14
15
16
17
18
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

O 20º aniversario da Rúa dos Contos e dous grandes coma Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán marcan o arranque do FIOT

As entradas para “Somos criminais” esgotáronse en menos de dúas horas

Venres 28 de setembro do 2018

Carballo ten desde esta noite o seu propio Paseo da Fama

Carballo ten desde esta noite o seu propio Paseo da Fama

Arrinca o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), o corazón do teatro en Galicia. E faino cunha celebración moi especial: a Rúa dos Contos, o ciclo máis irreverente do festival, cumpre 20 anos baixo o lema Noites de Rúa Chea. E con nocturnidade, un grupo de artistas locais converteron a rúa Valle-Inclán no Paseo da Fama dos actores e das actrices que teñen pasado por este ciclo.

A primeira actuación na Rúa dos Contos terá lugar hoxe ás 22.00h na Cafetería Colón, con Avelino González e o seu espectáculo Contos de contrabando. Avelino  é un actor de teatro coñecido polos seus traballos en series de televisión que tamén destaca como monologuista. A gran festa da Rúa dos Contos continúa ás 00.00h no Mesón do Pulpo con Marcos Pereiro e o seu monólogo Como ser armario empotrado. Pereiro é un dos actores cómicos máis relevantes de Galicia e este ano realiza a súa estrea no noso ciclo.

Sábado

Mañá sábado continuarán os espectáculos da Rúa dos Contos no Mesón A Cabaña, onde ás 13.00 horas Peter Punk presentará En cru, un espectáculo sen tregua, cheo de humor e malabares. O sábado tamén terá lugar a primeira das representacións programadas no Mercado Municipal: ás 21.00 horas e para todos os públicos Manoliño Nguema ofrecerá Ngoan ntangas, dous mundos que se tocan. Trátase dunha viaxe persoal e creativa que levará ao público desde a Guinea postcolonial á España dos anos 60 para ir descubrindo os lazos culturais que unen a ámbolos dous países.

A terceira representación do sábado será ás 00.00 horas no Bulebar Music Café, onde Víctor Grande poñerá en escena o espectáculo A vida pasa voando, peza que reborda humor, canción satírica e inclúe a interacción co público.

Domingo

A xornada dominical comezará cunha nova representación da Rúa dos Contos, ás 13.00 horas no Casino 1889: Lupe Blanco e Bieito Lobariñas protagonizarán unha improvisación con retranca ao estilo máis tradicional de Galicia.

Tamén o domingo chegará ao Pazo da Cultura uno dos espectáculos máis esperados polo público: Somos criminais (20.30 h.), con Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, dous cómicos que baten marcas de espectadores con esta proposta escénica. A serie de televisión Fariña catapultounos este ano coma actores televisivos a nivel nacional no papel de narcotraficantes. Proba do seu tirón é que entradas para este domingo esgotáronse en menos dúas horas. Somos criminais é un espectáculo difícil de definir: “Teatro?, pode ser; show cómico?, vaia vostede a saber; un experimento?, isto sen dúbida. Xulguen e decidan vostedes”.

Compartir: