Cultura

Cultura

- 2019 +
- Outubro +
L
M
M
X
V
S
D
 
1
2
6
7
8
9
10
15
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

O FIOT achega as artes escénicas aos peques a través da programación do “Fiotiño” e do concurso de teatro lido

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na “Noite branca no teatro”

Martes 17 de setembro do 2019

O Festival Internacional Outono de Teatro abrirá, un ano máis, as portas do teatro aos máis pequenos da casa. A nova edición do FIOT ofrecerá a posibilidade de coñecer e experimentar o mundo das artes escénicas a través dunha vivencia única como é un campamento nun teatro. A iniciativa, nomeada Noite branca no teatro, enmárcase na programación infantil O Fiotiño, que pretende, a través de propostas singulares e especiais, que as máis cativas e cativos tamén poidan gozar do teatro.

Noite branca no teatro diríxese, fundamentalmente, a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos de idade. A actividade celebrarase entre as 19.30 horas do venres 27 e as 11.00 horas do sábado 28, polo que a cea, a noite nos sacos de durmir e o almorzo da mañá seguinte formarán parte dunha aventura chea de xogos, sorpresas e, sobre todo, moito teatro. Durante este emotivo campamento, as e os participantes achegaranse ao mundo do espectáculo e aos seus segredos, coñecerán como é a escena por dentro e participarán en divertidos obradoiros ateigados de maxia sobre as táboas.

O prazo de inscrición está aberto até o mércores 25 de setembro e as solicitudes poderanse entregar no Pazo da Cultura ou no enderezo electrónico fiot@fiot.gal. En total, o campamento teatral que organiza a Asociación Cultural Telón e Aparte contará cun total de 25 prazas, e o prezo por participante é de 20 euros.

Concurso de teatro lido

A Asociación Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do FIOT, coa colaboración de Radio Voz, tamén convocan o XIX Concurso Escolar Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís” dirixido a rapaces e rapazas dos colexios, institutos e asociacións de Bergantiños.   O obxectivo é promocionar as artes escénicas entre a mocidade.

Poderán participar en grupos de entre 2 e 8 persoas, dirixidos por un profesor. A organización, por necesidades técnicas de gravación, só pode garantir a participación dos 30 primeiros grupos en inscribirse. Un xurado, tras escoitar as gravacións, seleccionará os grupos finalistas. A final está prevista para o 10 de novembro no Pazo da Cultura. Haberá dúas categorías. Por unha banda, de infantil e primaria, por outra, secundaria, bacharelato e ciclos formativos. Por cada categoría haberá dous premios que consistirán en libros e material didáctico valorados en 200 euros e 100 euros.

O prazo de inscrición remata o 3 de outubro. A inscrición deberá realizarse no enderezo electrónico fiot.teatro.lido@gmail.com, confirmando o envío no teléfono 981 704 300.

Descargas

Compartir: