Cultura

Cultura

- 2019 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
4
5
6
7
8
11
12
14
18
19
20
21
22
24
25
26
27
28
29
30
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

A adaptación teatral de Fariña e A.K.A., gañadora de dous premios MAX, pechan esta semana o 28º FIOT

O FIOT entregará o galardón honorífico de Xograresa de Outono á actriz Patricia de Lorenzo o vindeiro venres 1, ás 20.30 horas

Mércores 30 de outubro do 2019

Escena de

Escena de "Fariña"

O Festival Internacional Outono de Teatro baixará o pano da súa 28ª edición esta fin de semana con dous dos éxitos da tempada escénica: a recentemente estreada Fariña, dirixida por Tito Asorey e que esgotou as entradas para a función de Carballo na primeira mañá que se puxeron á venda, e A.K.A. (Also Known As), a creación dramática da Sala Flyhard de Barcelona que se posicionou como un dos fenómenos teatrais na escena estatal.

A.K.A., unha peza valente e comprometida escrita por Daniel J. Meyer e dirixida por Montse Rodríguez Clusella, aborda cuestións como a identidade sexual e racial a partir da historia de Carlos, un mozo de 15 anos que inicia unha relación coa tamén adolescente Claudia. A partir deste momento, e por unha serie de circunstancias alleas ao protagonista, este relatará un periodo da súa mocidade no que treman as súas raíces. O público do FIOT poderá asistir este xoves 31, ás 20.30 horas, á representación de A.K.A., a terceira das obras que conforman OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), o ciclo que pretende achegar ao público as novas linguaxes escénicas través de propostas orixinais e cativadoras. Esta peza é un dos traballos máis exitosos e recoñecidos da tempada escénica, xa que na última edición dos premios MAX foi recoñecida co galardón á Mellor autoría revelación (Daniel J. Meyer) e Mellor actor protagonista (Alberto Salazar), ademais de catro Premios Butaca (Mellor espectáculo de pequeno formato, Mellor texto, Mellor dirección e Mellor actor).

Patricia de Lorenzo, Xograresa de Outono

Patricia de Lorenzo, Xograresa de Outono

Ao día seguinte, o venres 1, a noite comezará a partir das 20.30 horas coa entrega do Premio de Xograresa de Outono a Patricia de Lorenzo. O festival recoñecece así á actriz polo seu traballo a prol da promoción e desenvolvemento da escena teatral galega. De Lorenzo iniciou en 1990 a súa traxectoria profesional e, catro anos máis tarde, pasou a formar parte de Chévere, compañía de referencia en Galicia e tamén en España, galardoada co Premio Nacional de Teatro, o máis importante das artes escénicas a nivel estatal. Desde entón participou como actriz en montaxes que forman parte da historia teatral galega, como é o caso de Annus Horríbilis, Rio Bravo 02, Citizen, Eurozone, Eroski Paraíso ou a recente Curva España. De Lorenzo é unha das “alma mater” deste proxecto e un dos seus piares fundamentais, tanto dentro como fóra dos escenarios, desenvolvendo labores de dirección, administración, xestión e produción. Ademais, a actriz tamén traballou con Teatro do Aquí, Elsinor ou o Centro Dramático Galego.

Prestixiosos galardóns, como varios María Casares ou o Maruxa Villanueva, recoñecen a traxectoria de Patricia de Lorenzo. Agora suma Xograresa de Outono, premio honorífico outorgado por anteriores Xograres de Outono e a Asociación Cultural Telón e Aparte, promotora do FIOT. En anteriores ocasións obtiveron este recoñecemento artistas como Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño e Manuel Lourenzo.

Logo da entrega do galardón a De Lorenzo, o Pazo da Cultura acollerá a representación de Fariña, a adaptación teatral de José L. Prieto sobre o texto de Nacho Carrretero. A obra, dirixida por Tito Asorey, é un traballo coral no que Xosé A. Touriñán, María Vázquez, Marcos Pereiro, Cris Iglesias e Sergio Zearreta dan vida e voz sobre as táboas a numerosos personaxes recoñecibles no imaxinario do público. Drama, comedia, teatro documento e música ao vivo forman parte dun espectáculo único que iniciará en Carballo unha xira que levará ao seu reparto a percorrer Galicia nos vindeiros meses. O FIOT pecha con Fariña un Programa de Sala cunha obra que incide, precisamente, nun dos pratos fortes desta edición: a aposta pola creación galega contemporánea, da man de tres dos seus directores máis recoñecidos: Quico Cadaval, Cándido Pazó e Tito Asorey.

Compartir: