Cultura

Cultura

- 2024 +
- Abril +
L
M
M
X
V
S
D
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
14
15
16
17
18
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

Carballo inaugura o Monumento ao Pan como símbolo dunha tradición secular que nos identifica e nos representa

Acisclo Manzano, o prestixioso artista ourensán que asina a escultura, participou no acto organizado polo Concello coa colaboración da Agrupación Cultural Lumieira

Mércores 26 de agosto do 2020

Ánxeles Ares, Xan Fraga, Evencio Ferrero, Acisclo Manzano e Farruco Fraga

Ánxeles Ares, Xan Fraga, Evencio Ferrero, Acisclo Manzano e Farruco Fraga

Carballo non pode recuperar os símbolos que nos foron arrebatados en décadas non tan lonxanas, pero pouco a pouco intentamos encher os baleiros con novos elementos que configuren unha iconografía propia. Hoxe inauguramos un novo emblema de Carballo, o Monumento ao Pan, co que rendemos homenaxe a unha tradición secular que nos identifica e nos representa. E como estamos tan orgullosos e orgullosas do noso pan, agasallamos cun moletiño a cada unha das persoas asistentes ao acto, no que participaron Ángeles Ares, en representación da Asociación Cultural Lumieira; o historiador Xan Fraga; o escultor Acisclo Manzano, autor da obra, e o alcalde, Evencio Ferrero.

Ánxeles Ares: Trátase de poñer nun pedestal o que mellor nos representa: o pan”

O Monumento ao Pan foi unha iniciativa da Asociación Cultural Lumieira, sempre preocupada por promover accións que contribúan a trasladar unha imaxe do noso concello en positivo. “Xa bulía en Lumieira a idea de situar en Carballo un monumento ao pan, como símbolo de fertilidade, de agradecemento á terra e do bo facer dos seus panadeiros e panadeiras; en definitiva, de facer unha homenaxe á terra na que vivimos e ás xentes que elaboran un produto que mesmo simboliza a loita da humanidade por satisfacer unha necesidade primaria: comer. Trátase de poñer nun pedestal o que mellor nos representa: o pan”, explicou Ángeles Ares.

O escultor e o alcalde descubriron a placa conmemorativa, elaborada pola oleira Carmen Isabel

O escultor e o alcalde descubriron a placa conmemorativa, elaborada pola oleira Carmen Isabel

Foi tamén Lumieira a que inspirou unha viñeta de Xaquín Marín na que se identifica o pan de Carballo coa bondade, e da que, como sinal de recoñecemento polo traballo que desenvolven, entregarase unha copia enmarcada a cada un dos 20 fornos en activo no noso concello. A ese traballo referiuse o alcalde na súa intervención, na que destacou o importante papel que xogaron os panadeiros e as panadeiras durante o estado de alarma: “Eles non pecharon, non cesaron a súa actividade, e día a día seguiron dándonos o alimento que precisamos”, dixo Evencio Ferrero.

A pandemia foi a causante, precisamente, de que a data de inauguración do Monumento ao Pan tivese que ir pospoñéndose. Pero por fin chegou o día. E así, como dixo Xan Fraga, “a partir de hoxe o pan de Carballo ten un plus que agradeceremos eternamente a Acisclo Manzano”.

Evencio Ferrero: “Acisclo, ilustrísimo creador, artista e escultor galego forma parte do cumio de sabedoría dos grandes artistas galegos, e para nós é unha honra que forme parte da nosa imaxe"

Agradecido, e “feliz de estar aquí”, amosouse tamén o artista ourensán, que antes do acto foi recibido por Evencio Ferrero na Alcaldía. “Eu veño da terra doutro pan, o pan de Cea, e penso que hoxe convértoos en irmáns”, dixo. E como resultado dese irmanamento, o escultor agarda “que se faga unha festa en Cea con pan de Carballo e ao revés”, un desexo ao que se sumou o alcalde. “Acisclo, ilustrísimo creador, artista e escultor galego _engadeu Evencio Ferrero_ forma parte do cumio de sabedoría dos grandes artistas galegos, e para nós é unha honra que forme parte da nosa imaxe”.

Evencio Ferrero agradeceu á Asociación Cultural Lumieira, e en particular a Farruco Fraga, a iniciativa do Monumento ao Pan, co desexo “de que esta escultura nos identifique a todos, nos represente a todos”. E foi tamén o encargado de desvelar o significado da escultura que preside o Parque do Rego da Balsa: “Representa á deusa Ceres, que daba orixe aos cereais e ao pan, aos alimentos; as formas redondeadas están identificando o molete carballés e despois está o pobo, o que desfruta dese manxar que é o pan”.

Descargas

Vídeos

Compartir: