Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

As Eiroas acolle o sábado 15 a fase final da III Copa Gallaecia de fútbol feminino infantil

Atl. Matamá, Victoria F.C., E.F.F. Rosalía, Sárdoma C.F., Orzán S.D., S.C.D.R. Narón O Freixo, Atlético Arousana e Victoria C.F loitarán polo título

Venres 14 de xuño do 2019

As Eiroas acolle este sábado, 15 de xuño, organizada polo Bergantiños e a Federación Galega de Fútbol, a fase final da III Copa Gallaecia de fútbol feminino infantil. Polo título loitarán Atl. Matamá (Vigo), Victoria F.C. (Santiago), E.F.F. Rosalía (Ourense), Sárdoma C.F. (Vigo), Orzán S.D. (A Coruña), S.C.D.R. Narón O Freixo, Atlético Arousana e Victoria C.F (A Coruña). No cadro anexo tedes os emparellamentos e horarios do torneo, que comezará ás 10.30 horas; a final está programada para as 19.00h.

Na presentación do torneo participaron o presidente do Bergantiños-Escolas Luis Calvo, Luciano Calvo; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e as xogadoras do Real Club Deportivo da Coruña Abanca feminino Gabriela García, Michelle Romero e Kika Moreno.

Marcos Trigo lamentou a ausencia do Bergantiños nesta fase final: “Foi unha participación moi proveitosa malia non conseguir a clasificación, pero confiamos que no futuro siga a traballar e a mellorar e acade o seu obxectivo de facer medrar a estrutura do fútbol feminino de Carballo”.

Rafael Louzán comezou felicitando ao Deportivo Abanca polo ascenso á Liga Iberdrola: “Que haxa, por primeira vez, un equipo galego na liga profesional feminina é un éxito extraordinario, que lle imos recoñecer o día 21 de xuño na Gala do Fútbol Galego concedéndolle a Medalla da Real Federación Galega”. “A Copa Gallaecia”, engadiu, “púxose en marcha, eu creo que con éxito, para que puidesen participar as cativas que se están incorporando ao mundo do fútbol feminino, mundo que xa se está consolidando e xerando unha gran ilusión neste deporte en toda Galicia; aínda lle queda camiño por percorrer, pero teno que facer, ao noso entender, desde a base”.

O presidente da Federación agradeceulle ao Bergantiños a súa participación nas fases previas do torneo e o traballo que realiza coa canteira: “O lugar onde estamos, As Eiroas, aglutina a centos de cativos e cativas que practican este deporte, e seguro que o Bergantiños vaise converter no referente  nesta comarca e nun dos referentes do fútbol feminino en toda A Coruña”. Louzán tamén lembrou que o equipo sénior feminino do Bergantinos disputará contra as Miúdas de Muros, o 23 de xuño, a primeira Copa da Costa feminina despois de cincuenta e seis edicións disputadas do torneo masculino. Louzán desexoulle sorte ao primeiro equipo do Bergantiños no enfrontamento deste domingo contra o Villarrubia por un posto na rolda decisiva da fase de ascenso a Segunda B: “O ascenso do Bergantiños é algo que desexamos nós e desexa Galicia enteira: o domingo seremos todos seguidores do Bergantiños”.

Chano Calvo salientou a aposta do Bergantiños polo fútbol feminino: “Vai para catro anos que empezamos coa sección, cunha ilusión tremenda e participando cun equipo na Segunda autonómica; e cada día vemos máis claro que ese é o camiño a seguir”. Sobre a Copa Gallaecia dixo: “Será un éxito seguro e só nos queda agardar que o público responda e se achegue ás Eiroas, e a ver se nós podemos estar presentes na fase final do torneo a próxima temporada”.

Evencio Ferrero: "O Bergantiños está a levar o nome de Carballo con moitísima dignidade e sendo un exemplo para moitísimos concellos"

O alcalde de Carballo mostrouse convencido de que, este domingo contra o Villarrubia, todos os seareiros volvan desfrutar do Bergantiños: “Esperemos que se lle siga poñendo broche a unha extraordinaria campaña e a un extraordinario traballo”. “O fútbol nestes últimos anos”, engadiu, “mellorou moito, a nivel táctico a nivel técnico e a nivel de estrutura, e o Bergantiños é un gran exemplo de como se foi avanzado, con técnicos moi cualificados en todos os equipos, con persoas tremendamente implicadas e cunha directiva que está a facer un traballo exemplar con moito voluntariado pero sempre tendo moi claro onde esta o horizonte”. “Os  meus parabéns”, rematou, “parabéns que xa non son só persoais, como alcalde, senón que representan o sentir de todos os carballeses e carballeses; porque, a verdade, é que o Bergantiños está a levar o nome de Carballo con moitísima dignidade e sendo un exemplo para moitísimos concellos”.

Compartir: