Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

“Rosalía, Rosalía, este xardín é o teu contento, e Carballo non te esquecerá por un momento”

A poesía dos nenos e nenas do CEIP A Cristina puxo a guinda do acto inaugural do xardín dedicado a Rosalía de Castro

Martes 21 de marzo do 2023

No bautismo do Xardín de Rosalía de Castro non podía faltar a madriña, e de representar ese papel encargouse a actriz Larraitz Urruzola, caracterizada como dona Francisca e acompañada pola súa boneca Rosalía. E do mesmo xeito que ese fermosísimo espazo nos permite mergullarnos no poema Adiós ríos, adiós fontes, a actuación que abriu o acto inaugural achegounos os principais momentos vitais da gran autora galega.

Os astros aliáronse para que as malas previsións meteorolóxicas da semana pasada mudasen nun día de sol, ceo azul e mesmo calor. O Día da Poesía e Día da Árbore iluminárono aínda máis os máis de douscentos alumnos e alumnas do CEIP A Cristina, auténticos protagonistas da inauguración e futuros usuarios do espazo. “Este lugar gústanos moito porque nel pasamos momentos xeniais e divertidos coas nosas familias, amigas e amigos. E, a partir de agora, aínda nos parecerá un sitio máis especial”, dixeron os presentadores do acto, unha alumna de quinto curso e un alumno de sexto que o fixeron de marabilla.

O xardín

O Xardín de Rosalía foi o gañador da edición 2021 do festival internacional que se celebra cada ano no concello ourensán de Allariz. Dende alí achegáronse varios membros do goberno municipal e a súa alcaldesa, Cristina Cid, lembrou que “ademais de competir con todas as propostas de diferentes países, non só foi o escollido polo xurado profesional, senón que as 40.000 persoas que pasaron polo certame decidiron que fose o xardín gañador e que, polo tanto, fose indultado e vivise un ano máis. E agora, unha vez que acabou a súa vida dentro do certame, a proposta do Concello de Carballo para trasladalo aquí non pode facernos máis ilusión, porque tanto ás paisaxistas que o deseñaron coma a nós, a posibilidade de que estas creacións, que son efémeras, poidan trasladarse a outro lugar, é de agradecer”.

Cristina Cid: "A proposta do Concello de Carballo para trasladalo aquí non pode facernos máis ilusión"

Cristina Cid destacou tamén que sexa a figura de Rosalía a que une en irmandade ao concellos de Carballo e Allariz, pero sobre todo puxo en valor a presenza dos nenos e nenas, que tamén en Allariz ocupan un lugar destacado dentro do festival internacional, “porque o deseño dos espazos comúns é unha cuestión que nos afecta a todas e todos, e polo tanto temos que implicarnos dende pequenos no deseño dos espazos e en como queremos vivilos”, sinalou a alcaldesa.

A conexión entre Carballo e Allariz é múltiple. Tamén no equipo de Arquiterras están representados os dous concellos a través de Ana Barxa, de Allariz, e Sara del Río, cuxa familia materna é carballesa. As dúas estiveron presentes no acto inaugural, no que Sara explicou o gran simbolismo que agocha o seu proxecto. O Xardín de Rosalía é unha homenaxe á emigración e á terra. “O xardín intenta representar a marcha da terra e tamén a ilusión por volver ás orixes”, sinalou. E nesas orixes atopamos a horta, as fontes, a figueira... ás que cantou Rosalía. Pero, como dixeron, o mellor é percorrelo, porque se explica por si mesmo.

No peche das intervencións, o alcalde de Carballo destacou que “Rosalía, a amizade e a solidariedade sempre dan máis luz”, mesmo en días luminosos coma este 21 de marzo. Evencio Ferrero felicitou ás deseñadoras e agradeceu a gran disposición do Concello de Allariz para trasladar o xardín ao noso concello, “para que todos os carballeses e carballesas e as persoas que nos visitan teñan a oportunidade de coñecer este recuncho excepcional”. E ademais deste exemplo de solidariedade, o alcalde quixo agradecer a toda a comunidade educativa do CEIP A Cristina a súa implicación no acto e fixo un convite a desfrutar do xardín durante todo o ano. Evencio Ferrero fixo un chamamento a que conservemos o orgullo de ser de Galicia e de Carballo, e rematou a súa intervención cuns versos de Rosalía.

O auténtico recital chegou de seguido, a cargo dos nenos e nenas, que interpretaron o poema de Rosalía de Castro A xustiza pola man e mesmo varios poemas da súa propia autoría. E para rematar fixeron unha chamada a todos os veciños e veciñas, “grandes e pequenos, para que entre todos coidemos o Xardín de Rosalía e todos os xardíns de Carballo, para que poidamos desfrutar deles durante moitos, moitos anos”.

A fermosa xornada rematou cun percorrido polo xardín, tan ben acondicionado polas brigadas municipais de obras e xardíns, e que inclúe poemas, fotografías, unha horta con todo tipo de produtos de tempada que irán variando ao longo do ano, e unha gran lona coa imaxe de Rosalía de Castro creada polo artista local Mon Lendoiro para o Concello de Carballo. E, recollendo os versos da cativada, “Rosalía, Rosalía, este xardín é o teu contento, e Carballo non te esquecerá por un momento”.

Compartir: