Inicio Carballo ao día Hemeroteca Sarabela Teatro achega ‘O Heroe’ ao Pazo da...

CULTURA

Sarabela Teatro achega ‘O Heroe’ ao Pazo da Cultura

Venres 10 de marzo do 2006

O escritor coruñés debuxa un triángulo amoroso protagonizado por un lexionario, un intelectual e a súa compañeira, para falar da represión, o valor das ideas, o amor e o compromiso social. O Heroe non permite a indiferencia, xa que nos asombra coa súa paixón e coa liberdade dos personaxes, marcando un ritmo trepidante que nos traslada á Galicia dos anos sesenta e que pon en valor elementos da nosa tradición e a universalidade da ollada de Manuel Rivas. O prezo das entradas é de 2,5 euros. Pódense reservar no teléfono 981704300 ou comprar a partir das 19,00 horas na taquilla do Pazo da Cultura.

Exposición

Tamén este venres, 10 de marzo, ás 20,15 horas, inaugúrase na sala de exposicións do Pazo da Cultura a exposición Ilustrando Jazz do autor carballés Mon Lendoiro. A exposición está composta por unha serie de ilustracións, baseadas en portadas de diferentes discos de jazz, onde o autor amosaranos a súa propia visión deste estilo musical, inspirándose no son cálido e luminoso que caracteriza ao jazz. Mon Lendoiro ten no seu currículo varias exposicións, tanto individuais como colectivas, sendo moitas delas presentadas en Carballo. A exposición poderase visitar no horario de apertura do Pazo da Cultura ata o 4 de abril.

Planetario

O sábado e domingo, 11 e 12 de marzo, instalarase no Museo de Bergantiños un planetario portátil no que se realizarán proxeccións especiais e lúdicas sobre temas astronómicos, dentro da exposición As profundidades do cosmos. Cada sesión durará 30 minutos e estará dirixida por un monitor especializado. Dado o interese da actividade, o horario de visita amplíase o sábado de 10,30 horas a 14,00 horas e de 17,00 horas a 20,00 horas e o domingo de 10,30 horas a 14,30 horas.

Compartir: