Inicio Carballo ao día Hemeroteca Nenas e nenos do CEIP Fogar coñecen...

O ALCALDE RECIBOUNOS NO SALÓN DE PLENOS

Nenas e nenos do CEIP Fogar coñecen máis de preto o funcionamento da administración local nunha visita á Casa do Concello

Martes 20 de decembro do 2016

Visita alumnado CEIP Fogar

Os nenos e nenas, de 2º de Primaria, estiveron no salón de plenos

Un total de 44 nenos e nenas de 2º de Primaria do CEIP Fogar da capital municipal veñen de visitar a Casa do Concello para coñecer máis de preto o funcionamento da administración local. Acompañados das súas profesoras, comezaron o percorrido no salón de plenos cun encontro co Alcalde, Evencio Ferrero. A curiosidade dos máis cativos e cativas marcou a xuntanza, con orixinais preguntas como "cantos exércitos hai no mundo?", se o rexedor coñece a Mariano Rajoy ou a Núñez Feijóo (non ao primeiro, si ao segundo), ou quen senta habitualmente nas cadeiras do salón de plenos. Tamén amosaron o seu interese polo número de bodas que teñen lugar en Carballo ao longo do ano (47 en 2016) ou pola actividade cotiá do Alcalde.

O alumnado percorreu o salón de plenos, a Oficina Técnica, o Rexistro ou a Comisaría da Policía Local, entre outras dependencias

As datas do Nadal tamén ocuparon boa parte da conversa, e Ferrero aproveitou para facer algunhas recomendacións aos nenos e nenas, como que se porten ben, traballen moito e sexan bos na escola e na casa para que Papá Noel e os Reis Magos lles traian moitos agasallos, aínda que o Alcalde confesou que el é "máis de Reis Magos". Tamén aproveitou para dicirlles que teñen que comer de todo, tamén verduras. Despois do encontro, de arredor de media hora de duración, o alumando do CEIP Fogar aproveitou para coñecer outras dependencias municipais, como a Oficina Técnica Municipal, Asuntos Económicos, o Rexistro Municipal ou a Comisaría da Policía Local.

Compartir: