Inicio Carballo ao día Hemeroteca Derrubando muros con pintura e o festival...

O SELO ENGAIOLARTE ENCÁRGASE DA EDICIÓN

Derrubando muros con pintura e o festival Rexenera Fest, os proxectos de arte urbana de Carballo, convértense en libro

Xoves 22 de decembro do 2016

Presentación de Carballo: derrubando muros con pintura

Un momento da presentación do libro no Fórum Carballo

“Derrubando muros con pintura” e o Rexenera Fest, o Festival Internacional de Arte Pública de Carballo, xa teñen o seu libro, Carballo: derrubando muros con pintura. Este volume está fermosamente editado polo selo Engaiolarte, detrás do que están Xan Carballa e, para esta ocasión, como fotógrafo e ilustrador, Xulio Gil, Premio da Crítica Galicia en Artes Plásticas e Visuais en 2013. Prologado polo escritor Xurxo Chapela, o libro recolle todos os murais que reinterpretan a realidade de Carballo para mellorala, pouco a pouco, nunha transformación dos espazos comunitarios da vila e sempre pensando nas persoas.

Dez xornalistas e escritores da contorna deixan as súas impresións sobre os murais que xa forman parte do museo a ceo aberto de Carballo

Están as obras de todos os artistas locais que veñen participando cada ano no proxecto e tamén as dos dez pintores e grafiteiros convidados ás dúas edicións celebradas do Rexenera Fest e que en Carballo: derrubando muros con pintura aparecen comentadas por destacados autores e xornalistas carballeses: sobre os traballos de Bordalo II, Pixel Pancho, Nómada, Aryz, Dulk, Case Maclaim, Hyuro, No3l, Natalia Rak e Isaac Mahow deixan as súas suxestivas impresións Henrique Mariño, Cristina Abelleira, Xurxo Borrazás, Rosalía Fernández Rial, Ignacio Silva, Santi Pazos, Santi Garrido, Patricia Blanco, Farruco Graña e Belén Puñal.

Unha guía da vila

O libro Carballo: derrubando muros con pintura é unha guía turística imprescindible que leva a Carballo e aos murais das súas rúas ás librarías de toda Galicia. E que tamén atopa outras manifestacións, como a literatura presente no libro ou os documentais e a música de Fran Rodríguez e de Nani Mouro para “Derrubando muros con pintura” e o Rexenera Fest. Porque Carballo tamén é arte.

Hai que lembrar que "Derrubando muros con pintura" naceu en 2014 cando se substituíu unha lona ubicada a carón da glorieta do barrio da Milagrosa por un mural da italiana Roberta Venanzi e da manchega Paula Fraile. O proxecto medrou ata converter a vila nun museo a ceo aberto contra o feísmo. Acadou en tan pouco tempo tal recoñecemento internacional, que moitos artistas de todo o mundo cursan cada ano solicitudes para participar no Rexenera Fest e pintar nos valados e paredes de Carballo. Quen non tivese ocasión de contemplar a pé de rúa as obras, preto de medio centenar, pode facelo agora neste libro.

Ligazóns



Galería

Compartir: