Inicio Carballo ao día Novas Asinado o contrato da obra de...

Asinado o contrato da obra de reurbanización da rúa Ponte, que comezará o luns

Os traballos, que contan cun orzamento de 189.365 euros, serán executados pola empresa carballesa Construcciones Vázquez y Reino

Venres 20 de xaneiro do 2017

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o empresario Diego Vázquez, en representación de Construcciones Ramón Vázquez y Reino, asinaron hoxe o contrato das obras de reurbanización da rúa Ponte, outra das actuacións que nos permitirá seguir dando pasos na mellora da accesibilidade. Os traballos, que teñen un orzamento de 189.365 euros, procedentes do PAI (Plan de Aforro e Investimento) da Deputación da Coruña, arrancarán o luns.

A actuación abrangue 164 metros de lonxitude e unha zona de 508,22 metros cadrados na que se construirá unha rotonda para facilitar o tráfico, que é, xunto co estado dalgúns servizos, o principal problema dese punto do casco urbano. Trátase dunha rúa singular polas súas dimensións, xa que ten un ancho que oscila entre os 10 e os 14,95 metros. O acabado final será tamén de plataforma única, para harmonizar esa rúa con outras da contorna como a Vitoria e a Cinceiro, que tamén forman parte das accións de mellora da accesibilidade impulsadas dende o goberno municipal.

A rúa Ponte terá zonas peonís en ámbalas marxes de terrazo con acabado granallado e de ancho variable entre os 2 metros das zonas de aparcamento ata os 4. Ese paseo estará salpicado de árbores de crecemento lento, como aligustres ou acivros. A zona de circulación, de 3,50 metros de ancho, será de sentido único, como agora, pero a gran diferenza será a substitución do complicado e perigoso cruce con Luis Calvo, Perú e Poñente por unha glorieta de 22 metros de diámetro, dous carrís de circulación de 2,5 metros de ancho, e unha isleta central verde de 12 metros de diámetro. A construción da rotonda implica a demolición dunha pequena parte da antiga nave de Conservas Calvo. Serán, en total, 129,41 metros cadrados, cedidos pola familia.

Compartir: