Inicio Carballo ao día Novas A Concellería de Igualdade e Benestar...

A Concellería de Igualdade e Benestar tramitou no último ano 94 axudas contra a pobreza enerxética

Aberto o prazo para solicitar o tícket eléctrico social e as subvencións da Xunta de Galicia para evitar os cortes de subministro

Venres 20 de xaneiro do 2017

A Concellería de Igualdade e Benestar tramitou no ano 2016 un total de 94 axudas contra a pobreza enerxética. A que máis demanda tivo, con 59 solicitudes, foi o tícket eléctrico social de Galicia, mediante o cal a Administración autonómica financia parte do recibo de luz das familias que reúnan os requisitos establecidos. Á outra liña de axudas da Xunta, destinadas a evitar os cortes de subministración de electricidade ou gas, acolléronse 14 familias. Pola súa banda, o Concello de Carballo, a través das axudas de emerxencia municipal, abonou un total de 21 facturas da luz.

No Concello de Carballo a partida de emerxencia social foi aumentando nos últimos anos para atender as necesidades detectadas, e neste 2017 acada os 100.000 euros.

Tícket eléctrico e AUXS

Pola súa banda, a Xunta de Galicia vén de abrir tamén as súas liñas de axuda. A convocatoria para o tícket eléctrico social refírese ás facturas de electricidade cuxo período de lectura estea comprendido entre o 1 de xullo do 2016 e o 30 de xuño do 2017. O obxecto desta medida é subvencionar parte da factura eléctrica ás unidades de convivencia con menores ou discapacitados cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 €/ano). A axuda consiste nunha cantidade fixa de 180 € ao ano para as unidades de convivencia que cumpran os requisitos, e de 300 € ao ano para as que acrediten ser, ademais, familia numerosa. 

Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca axudas urxentes de tipo social para evitar os cortes de subministración eléctrica e de gas ás persoas economicamente máis vulnerables (AUXS), cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen o IPREM (6390,13 €/ano). Neste caso permítese facer a solicitude para un máximo de dúas facturas ao ano e cun importe máximo de 200 €. O prazo rematará o 15 de decembro.

Nos dous casos a tramitación debe realizarse a través da sede electrónica, para o cal é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. No departamento municipal de Igualdade e Benestar, situado no Ambulatorio Vello (xunto ao centro de saúde), ofrecen a información e o asesoramento necesario ás persoas que precisen recorrer a este tipo de axudas.

Ligazóns

Compartir: