Inicio Carballo ao día Novas A Concellería de Promoción...

A Concellería de Promoción Económica impulsa a creación dun selo de calidade para o comercio local

A iniciativa presentarase o mércores 25 no Foro do Comercio de Carballo, unha xuntanza aberta a todo o sector que se celebrará ás 20.30 horas no Fórum

Sábado 21 de xaneiro do 2017

No Concello de Carballo damos un paso máis na procura de novas ferramentas para que os nosos sectores económicos máis importantes gañen en competitividade. Dende a Concellería de Promoción Económica consideramos que a calidade é un instrumento fundamental, e por iso, despois da posta en marcha da marca Carballo Compromiso Calidade, que distingue xa os servizos de 20 establecementos de hostalería, chega agora o selo de calidade para o comercio.

O traballo previo xa está feito. A Concellería de Promoción Económica encargou un exhaustivo estudo que inclúe unha análise DAFO para detectar as debilidades e ameazas pero tamén as fortalezas e as oportunidades do comercio carballés. Así mesmo, seleccionouse unha mostra de 20 negocios que recibiron a visita dun “Cliente Misterioso”, unha técnica que permite coñecer a imaxe que están a dar as nosas empresas, e que supón unha ferramenta clave á hora de establecer que medidas deben tomarse.

E agora chega o momento de poñer todos os datos sobre a mesa. Con esa intención celebrarase o vindeiro mércores 25 o Foro do Comercio de Carballo, unha xuntanza aberta a todo o sector que permita obter información sobre as súas valoracións, detectar novas necesidades non recollidas durante as visitas, establecer propostas de actuación conxuntas para a dinamización do comercio e organizar accións formativas que permitan mellorar a competitividade individual e colectiva. 

Os comerciantes que decidan participar terán acceso a un programa formativo que incluirá unha sesión de asesoramento individual e dúas sesións formativas grupais sobre os aspectos que se consideren máis necesarios para darlle máis pulo ao comercio local. Haberá 30 prazas, e a xuntanza do día 25, que comezará ás 20.30 horas no Fórum Carballo, será unha boa oportunidade para que as persoas interesadas recollan toda a información.

Compartir: