Inicio Carballo ao día Avisos As rúas Ponte e Desiderio Varela...

As rúas Ponte e Desiderio Varela estarán cortadas ao tráfico rodado durante as obras

Mércores 1 de febreiro do 2017

As rúas Ponte e Desiderio Varela estarán cortadas ao tráfico rodado durante as obras de reurbanización e mellora da accesibilidade. No primeiro caso os traballos xa están en marcha, e o peche da rúa non afecta a peóns, residentes nin usuarios/as de garaxes. Se nalgún momento ao longo da execución da obra resulta preciso realizar un peche puntual comunicarase con antelación ás persoas afectadas. Debido á situación estratéxica da vía, moi utilizada polos vehículos que se dirixen á costa bergantiñá, o Concello de Carballo colocará sinais en distintos puntos para indicar os itinerarios alternativos. Ademais, durante a execución da obra, os usuarios/as de garaxes na rúa Cinceiro poderán acceder á mesma dende a rúa da Saúde. Así mesmo, a saída do aparcamento do Casino realizarase a través dun vial aberto cara a rúa Estrela. 

Así mesmo, o vindeiro luns 13 quedará cortada á circulación rodada a rúa Desiderio Varela. Durante a execución das obras o Concello de Carballo reordenará o tráfico na contorna da Praza do Concello para facilitar o acceso a residentes e usuarios/as de garaxes, garantir a seguridade e intentar que os traballos causen as mínimas molestias posibles.

Segundo o plan de tráfico deseñado pola Policía Local, no comezo da rúa Desiderio Varela dende Camiño Novo (punto 1 do plano adxunto) colocarase un panel informativo indicando que a rúa está pechada por obras e que só se permite o acceso a residentes e usuarios/as de garaxes. No outro extremo da rúa, na esquina con Gran Vía (punto2), retirarase o sinal de prohibido o paso e será substituído por outro panel informativo no que se indicará que a rúa está pechada por obras pero que se permite o paso a residentes, usuarios/as de garaxes e dos aparcamentos da rúa Jacinto Amigo Lera.

As obras tamén afectarán ao tráfico na rúa Colón, na que os días de feira cambiarase o sentido do tráfico para darlle saída cara a rúa Cervantes aos coches procedentes de Desiderio Varela (punto 3). Os turismos procedentes de Valle-Inclán non poderán acceder á rúa Colón e terán que desviarse por Cervantes obrigatoriamente.

Compartir: