Inicio Carballo ao día Novas A prolongación da obra da travesía...

A prolongación da obra da travesía ata Sísamo foi a principal demanda do Consello Parroquial

Os proxectos de infraestruturas viarias e hidráulicas centraron a xuntanza

Xoves 16 de febreiro do 2017

As obras da travesía centraron a primeira xuntanza do Consello Parroquial de Sísamo, celebrada o mércores pola noite no Centro Social. Por parte do Concello de Carballo asistiron Maica Ures, en representación do BNG; Andrés Eirís, de Terra Galega, e o alcalde, Evencio Ferrero, que presidiu a sesión. Os veciños e veciñas consideran imprescindible que as obras iniciadas no punto quilométrico 0 da estrada, na confluencia da avenida das Flores coa rúa Fábrica, teñan continuidade ata Sísamo. A este respecto, o alcalde informou de que por parte do Concello xa se ten enviado o proxecto correspondente á segunda fase, que abranguerá ata o cruce da rúa Nacente, de acceso ao IES Monte Neme. Evencio Ferrero explicou que a Deputación da Coruña rebaixou o financiamento con respecto ao proxecto aprobado e adxudicado no seu momento (que non chegou a executarse), pero que dende o goberno municipal mantense a intención de seguir facéndoo por fases ata a igrexa de Sisamo.

As obras de infraestrutura viaria e hidráulica centraron a xuntanza. Evencio Ferrero comentou que o proxecto de mellora de todas as pistas asfaltadas da parroquia parouse polo tempo, pero que estarán listas nos vindeiros meses. Sobre os saneamentos de Figueroa e Outeiro, o alcalde sinalou que o proxecto do primeiro está xa feito, e que o segundo de momento non está previsto, entre outros motivos porque precisa bombeo. 

A mellora da sinalización viaria e turística tamén é unha das preocupacións dos veciños e veciñas de Sísamo. Así mesmo, entre outras cuestións, preguntaron pola posibilidade de cubrir unha parte do patio da escola e de pintar un paso de peóns xunto á parada do bus escolar na Fontecaldeira. A próxima xuntanza do Consello Parroquial de Sísamo será o 8 de xuño.

Compartir: