Inicio Carballo ao día Novas Comeza a funcionar con moi boa acollida por parte...

Comeza a funcionar con moi boa acollida por parte da cidadanía a oficina de tramitación do DNI da Policía Nacional

Despois dunha primeira xornada de adaptación na que foron atendidas 35 persoas, as citas diarias a curto prazo poderán ascender ata 75

Luns 20 de marzo do 2017

As instalacións da Policía Nacional están na planta baixa da Casa do Concello, con acceso directo dende a rúa Cervantes

As instalacións da Policía Nacional están na planta baixa da Casa do Concello, con acceso directo dende a rúa Cervantes

A oficina da Policía Nacional para a tramitación de DNI, pasaporte e documentos de estranxería comezou a funcionar hoxe con moi boa acollida por parte da cidadanía, que valora dun xeito moi positivo a posta en marcha deste novo servizo en Carballo. Ao longo da mañá pasaron polas dependencias da planta baixa da Casa do Concello moitísimas persoas, aínda que, debido á adaptación técnica da primeira xornada de traballo, facilitáronse 35 citas. A curto prazo, e en función do tipo de tramitacións demandadas polas persoas usuarias, poderán ser atendidas ata 75 persoas ao día, segundo indicaron os responsables da Policía Nacional que se desprazaron ata Carballo, que visitaron os locais acondicionados polo Concello acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Seguridade, Milagros Lantes.

Ao longo desta semana realizarase a inauguración oficial, pero a oficina da Policía Nacional xa está aberta ao público de forma permanente de luns a venres, de 9 a 14 horas, con tres postos de atención á cidadanía. En breve estará operativo o servizo de solicitude de cita previa a través de Internet, pero polo momento está dispoñible o número de teléfono 981 755 118. Na xornada de hoxe a liña estivo saturada e foi imposible atender todas as chamadas.

Compartir: