Inicio Carballo ao día Novas As usuarias do Centro de Información...

IGUALDADE E BENESTAR

As usuarias do Centro de Información ás Mulleres teñen á súa disposición un servizo de teletradución a 51 idiomas

O obxectivo é mellorar a asistencia ás mulleres inmigrantes

Xoves 23 de marzo do 2017

O Centro de Información á Muller de Carballo mellora a asistencia e o asesoramento ás súas usuarias cun servizo de teletradución a 51 idiomas, dirixido a mulleres inmigrantes de todo o ámbito de actuación do CIM. Deste xeito, tal como destacou a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, é posible prestar atención ás mulleres estranxeiras en numerosas linguas.

O servizo de teletradución, promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade, está pensado para prestar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes por non falar ou dominar as linguas oficiais do Estado. Mediante esta plataforma, as mulleres teñen a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida, asesoramento xurídico...

Galego, castelán, inglés, francés, alemán, chino, romanés e árabe son os oito idiomas que están dispoñibles as 24 horas durante os 365 días do ano. De luns a venres, de 8 a 18 horas, tamén se ofrece a teletradución a outras 43 linguas. O sistema permite ás usuarias comunicarse telefonicamente cunha intérprete a través dunha chamada a tres: a usuaria, a profesional do CIM e a intérprete da lingua escollida.

A Secretaría Xeral da Igualdade ofrece este servizo de teletradución aos CIM, ás casas de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero e ás entidades e ONG que asisten a mulleres vítimas da trata ou de violencia de xénero.

Compartir: