Inicio Carballo ao día Novas Carballo é un dos 15 concellos galegos que...

Carballo é un dos 15 concellos galegos que participarán este sábado na Hora do Planeta

A iluminación pública da Praza do Concello estará apagada de 20.30 a 21.30 horas como mostra do noso compromiso contra o cambio climático e en defensa do medio ambiente

Xoves 23 de marzo do 2017

Cidadanía, empresas, entidades e concellos están convidados a participar na Hora do Planeta, unha iniciativa do Foro Mundial para a Natureza (WWF) que se leva a cabo dende o ano 2007 para expresar, mediante o xesto simbólico de apagar a luz durante unha hora, un compromiso contra o cambio climático e en defensa do medio ambiente.

Este ano, o apagado masivo e simultáneo das luces realizarase o sábado 25 de marzo, entre as 20.30 e as 21.30 horas. Participarán máis de 7.000 cidades de todo o mundo. En Galicia hai 15, e unha delas é Carballo, onde durante unha hora deixará de funcionar a iluminación pública da Praza do Concello.

Pero a Hora do Planeta é moito máis ca un xesto unha vez ao ano. Dende o Foro Mundial para a Natureza defende a posta en marcha de proxectos e programas que potencien a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a mobilidade sostible, e dende o Concello de Carballo estamos a traballar tamén en todas esas áreas.

Dende o Concello de Carballo facemos un chamamento a empresas, entidades e cidadanía para que se sumen este sábado 25 á Hora do Planeta

Por exemplo, para reducir as emisións é fundamental recuperar os espazos públicos para a cidadanía e mellorar a mobilidade urbana, e ese é o gran obxectivo de moitas das obras que estamos a acometer nos últimos tempos, pero tamén do plan de organización do espazo urbano que se atopa en fase de contratación, e que marcará as liñas estratéxicas para o futuro. Outra das medidas propostas por WWF é a incorporación de criterios de eficiencia enerxética na compra de equipos e servizos nos concellos, como estamos a facer ao optar por caldeiras de biomasa nas instalacións deportivas e en edificios públicos coma a Casa do Concello. O cambio das luminarias tradicionais por lámpadas LED, que tamén defende o Foro Mundial para a Natureza, é outra das accións promovidas dende as concellarías de Servizos e Medio Ambiente, e, de feito, Carballo foi un concello pioneiro que está a servir de modelo agora para moitos outros.

Pero as transformacións que precisa o planeta requiren da colaboración de todas e todos. Por iso dende o Concello de Carballo tamén facemos un chamamento a empresas, entidades e cidadanía para que se sumen este sábado 25 á Hora do Planeta.

Ligazóns

Compartir: