Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo agarda poder incorporar...

O Concello de Carballo agarda poder incorporar remanentes tras pechar o 2016 nunha situación económica excelente

O goberno local dará conta da liquidación do orzamento no pleno do luns, no que tomará posesión o novo concelleiro do PP, Aurelio Núñez Centeno

Venres 24 de marzo do 2017

O Concello de Carballo está na mellor situación económica da súa historia, segundo se desprende da liquidación do orzamento do 2016. O exercicio pechouse cun superávit de 1.884.649,94 euros, coa débeda bancaria a cero, cunha tesourería de 7.891.978,48 euros (850.000 máis que no ano 2015) e un remanente de tesourería para gastos xerais histórico, xa que acada os 7.602.903,76 euros, pero que non se pode incorporar ao orzamento deste ano polas limitacións estatais. E todo isto, ademais, cumprindo a regra de gasto por 88.690,29 euros.

As cifras deunas hoxe o alcalde, que cualificou coma “un sinsentido” a regra de gasto, que impide que un concello coma Carballo, con tanto remanente e un superávit de case dous millóns de euros, non poida investir eses cartos en obras e servizos para mellorar a calidade de vida da cidadanía. O Concello de Carballo poderá utilizar o superávit para realizar gasto “financeiramente sostible”, pero o remanente, de momento, non se pode tocar. “As administracións estatal e autonómica son as que se pasan de gasto, pero ás administracións locais son ás que nos obrigan a ter uns orzamentos equilibrados e non nos deixan gastar”, criticou Evencio Ferrero, que estivo acompañado polo concelleiro Marcos Trigo.

A liquidación do orzamento presentarase no pleno ordinario do luns 27, no que, en materia económica, tamén se aprobará a conta de recadación do ano pasado. “Seguimos en porcentaxes moi altas”, destacou o alcalde. “Estamos moi por riba das medias galega e estatal, algo que temos que valorar moi positivamente, porque é un moi bo indicador. Incluso nos anos máis duros da crise mantívose o excelente comportamento dos cidadáns”, engadiu. As cifras poden consultarse na ilustración.

O goberno municipal tamén se presentará a proposta de modificación do contrato de xestión do servizo de recollida de lixo, transporte, punto limpo e canceira, que, debido á revisión de prezos, baixa en 3.905,64 euros con respecto aos últimos anos. Deste xeito, o Concello de Carballo abonará 750.167,89 euros ao ano (IVE incluído), aos que hai que sumar o custe do tratamento dos residuos sólidos urbanos en Sogama.

A adhesión do Concello de Carballo á Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, como xa fixeron tamén os concellos de Cerceda e A Laracha, será outro dos temas de debate.

Toma de posesión do novo concelleiro do PP

Aurelio Núñez

Aurelio Núñez

Na sesión ordinaria do luns tomará posesión do seu cargo Aurelio Núñez Centeno, que substitúe a Miguel Ferreiro Suárez tras a súa dimisión como concelleiro e portavoz do Partido Popular.

Os populares, precisamente, presentaron unha moción na que instan aos grupos políticos con representación no Parlamento do Estado a chegar aos acordos necesarios que permitan a aprobación dos Presupostos Xerais. A iniciativa do PP foi desestimada na comisión informativa.

Descargas

Compartir: