Inicio Carballo ao día Avisos Programa Aventúrate con Galicia, para...

Programa Aventúrate con Galicia, para descendentes de emigrantes galegos no exterior

Mércores 12 de abril do 2017

A Secretaría Xeral de Emigración promove o programa Aventúrate con Galicia, dirixido a mozas e mozos de 14 a 17 anos de idade e de orixe galega ou descendentes de emigrantes e que residan no exterior. As bases completas poden consultarse no DOG nº 69, do 7 de abril. O obxecto da convocatoria é facilitarlles o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares. 

O programa Aventúrate con Galicia desenvolverase en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado nas seguintes modalidades de campamento:

  1. Actividades no mar-Gandarío: convócanse 20 prazas, que se realizarán no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo), dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.
  2. Actividades de natureza: ambiente e mar: convócanse 20 prazas que se realizarán no Albergue Xuvenil de Area (Viveiro), dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.
  3. Actividades de aventura-T: convócanse 10 prazas que se realizarán no Campamento Xuvenil dos Chacotes (Palas de Rei) dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.
Estas actividades van dirixidas a mozos e mozas residentes fóra de Galicia con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos de idade e serán realizadas xunto con mozos e mozas residentes en Galicia participantes na campaña de verán que convoca a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Datas de realización
As comprendidas entre os días 17 e 28 de xullo de 2017.

Desenvolvemento
  • A Consellería de Política Social colaborará na execución deste programa e porá á disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas.
  • A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo do seguro de estadía en Galicia, así como do desprazamento das persoas beneficiarias das actividades desde os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de chegada a Galicia ata a instalación que lles sexa asignada. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres desde a instalación asignada ata os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de saída en Galicia de todas as persoas participantes que realicen o retorno ao seu lugar ou país de orixe o día que remate a actividade de campamento.
  • Cada unha das persoas beneficiarias farase cargo da organización e pagamento dos custos da súa viaxe de ida e de volta aos seus lugares de residencia. Igualmente realizará as xestións necesarias para a saída e a entrada ao país (visados, pagamento de taxas...). Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe en Galicia.
  • No caso de que a persoa participante non retorne ao seu lugar ou país de orixe ao rematar a actividade, será responsabilidade dos seus pais, titores legais ou familia en Galicia facérense cargo dela, e deben recollela o día do remate da actividade nas instalacións do campamento correspondente e facerse cargo do seu traslado ao aeroporto, estación de tren ou de autobuses o día de retorno ao seu lugar ou país de orixe.
Documentación
  1. Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española. O DNI só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
  2. Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.
  3. Unha fotografía recente tamaño carné.
  4. Certificado de rexistro de matrícula consular no cal conste a súa residencia fóra de Galicia, agás para os residentes no resto de España.
  5. Para as persoas participantes procedentes do resto de España, un certificado de residencia.
  6. Un certificado médico, (anexo II), de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.
  7. Unha autorización expresa asinada polos pais ou titores legais para viaxaren sos e para a súa asistencia á actividade (anexo III).
  8. As persoas solicitantes que non retornen ao seu lugar ou país de orixe o día que remate a actividade de campamento deberán presentar unha autorización asinada polos seus pais ou titores legais, (anexo III), na cal se indique a persoa en Galicia que se encargará de recollela o día de remate da actividade na instalación de campamento correspondente e do seu desprazamento ao aeroporto, estación de tren ou de autobuses o día de retorno ao seu lugar ou país de orixe.
Lugar de presentación das solicitudes
  • Preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
  • Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
  • A través das entidades colaboradoras en Brasil, Cuba e Venezuela.
Prazo de presentación
08/04/2017 - 08/05/2017.

Compartir: