Inicio Carballo ao día Novas Carballo, sede da fase final do Campionato Galego...

Carballo, sede da fase final do Campionato Galego de Voleibol Feminino

O Volei Xiria Asesoría Cervantes pelexará polo título e por unha das dúas prazas para disputar o ascenso á categoría nacional

Xoves 20 de abril do 2017 Deporte

O Volei Xiria Asesoría Cervantes pelexará, por segundo curso consecutivo, polo título de campión galego sénior feminino e por unha das dúas prazas que clasifican para fase de acceso ao nacional, categoría no que o club militou hai once anos. Como xa fixese a tempada pasada, as carballesas acadaron a final a catro e este domingo serán, ademais, as anfitrioas, porque os catro partidos do playoff disputaranse no pavillón Vila de Noia.

A primeira semifinal enfrontará ao Bruxas, de Ames, e a o Zalaeta coruñés, segundo e terceiro na liga regular, mentres que o Xiria, cuarto, terá como rival ao gran favorito, o Caldaria VoleyOurense, invicto no que vai de ano: 18 vitorias en 18 partidos (e só 8 sets cedidos: 7 na liga e un na eliminatoria da segunda fase contra o San Sadurniño). O prognóstico é máis escuro aínda para as xogadoras que adestra Asier García, que nas dúas citas de liga perderon contra as ourensás en tres sets.

Programa

1ª semifinal: Zalaeta-Bruxas, 10.00 horas
2ª semifinal: Xiria Asesoría Cervantes-Caldaria VoleyOurense 12.00 horas
3° posto: 17.00 horas
Final: 19.00 horas.

Presentación

A fase, organizada polo Volei Xiria e as federacións española e galega, en colaboración co Concello de Carballo, Carballo Deporte e Carballo a un Paso, presentouse esta mañá na casa do consistorio nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o  concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e Rosalino Mariño, do Volei Xiria. “Este ano”, dixo Trigo, “falouse, afortunadamente, moito e ben do deporte feminino carballés, de que por primeira vez hai equipos sénior femininos federados en fútbol, baloncesto, balonmán e voleibol, pero o voleibol, hai que dicilo, é o que leva máis tempo, o que ten máis tradición e o que ano tras ano seguiu competindo, década tras década, nesa máxima categoría no volei galego”. “Hai que recoñecer, pois”, engadiu, “ese traballo que non é dun día, senón froito de moitos anos de esforzo da Asociación Deportiva Xiria e, neste caso, da persoa que nos acompaña, Rosalino Mariño”.

Rosalino Mariño, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación

Rosalino Mariño, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación

O directivo e adestrador do club carballés recoñeceu que este ano foi moito máis complicado para o Asesoría Cervantes estar entre os catro mellores. “Noutras temporadas clasificábanse ata seis equipos e logo xogaban unhas previas, pero este ano para estar nesta fase final había que acabar a liga entre os catro primeiros: conseguímolo en Carballo contra o Dompa Gestión, un moi bo equipo, no último partido, no que estabamos obrigados a vencer por 3-1 ou 3-0”. Xiria, explicou Mariño, fixo o posible por traer a final a catro a Carballo. “Consideramos, como dicías ti, Marcos, que o volei feminino é un referente en Carballo, e creo que este tipo de finais atraen ao público e tamén supoñen outra boa maneira de promover o volei”, defendeu Mariño. Sobre as posibilidades do Asesoría Cervantes de chegar á final, Mariño admitiu que o Caldaria é o gran favorito. “Pero en caso de non poder chegar á final”, afirmou, “o conseguido e o feito de estar entre os catro mellores e xa un éxito, máis aínda tendo en conta o nivel que houbo nesta categoría”. Non deixou de mandarlle un recado Mariño ao Caldaria, que solicitou ser sede da próxima fase (a de clasificación para o nacional) sen lograr aínda un dos dous billetes en xogo este domingo en Carballo. “Para min é un pouco de prepotencia que non valoren que nós poidamos dar a sorpresa: sería unha dobre alegría poder dicirlle aos de Ourense que gañamos a nosa fase que imos xogar a seguinte a Ourense, na súa casa”.

“Unha das preocupacións que existían no departamento de deportes do Concello era precisamente o deporte feminino”, dixo o alcalde, “pero nos últimos anos déronse non só pasos, senón que eu creo que se fixo unha carreira importante para cubrir esta lagoa, pero o volei feminino sempre estivo presente”. A Asociación Deportiva Xiria, de feito, naceu co voleibol, en 1983, lembrou Ferrero. “O voleibol segue tendo un protagonismo moi activo dentro da marca Xiria, que é unha marca tremendamente prestixiada en toda Galicia pola diversidade deportiva que ten e pola alta calidade que teñen tanto as escolas como os equipos en competición”.

Compartir: