Inicio Carballo ao día Novas Os investimentos do Plan de Acción Social...

Os investimentos do Plan de Acción Social melloran a accesibilidade nos barrios de San Cristovo e A Cristina

Avanzan tamén as obras de reurbanización da avenida das Flores, dentro da primeira fase do proxecto de mellora da travesía de Sísamo

Xoves 20 de abril do 2017

Os traballadores, en pleno aglomerado da rúa Moreiras

Os traballadores, en pleno aglomerado da rúa Moreiras

O barrio de San Cristovo está en obras por partida múltiple. Por unha banda continúa a moi bo ritmo a primeira fase do proxecto de urbanización da avenida das Flores, financiado pola Deputación da Coruña; por outra, dentro do Plan de Acción Social (PAS), promovido pola institución provincial, están a acometerse melloras de accesibilidade en varias rúas entre o San Cristovo e A Cristina.

As actuacións comezaron pola rúa Mirtos, na que ademais de mellorar o pavimento dende o cruce con Orquídea ata Alcalde Peinador, ensanchouse a calzada nalgúns tramos e instalouse unha canalización de auga á altura da rúa Pedra Furada. A actuación aínda non está rematada. O proxecto inclúe tamén a construción de beirarrúas e aglomerados nas rúas Malvas, Camelias e Moreiras, na que se está a traballar neste momento.

O aglomerado da avenida da Cristina xa está listo

O aglomerado da avenida da Cristina xa está listo

Unha senda peonil na rúa Violetas, dende Flor do Toxo ata o IES Monte Neme, ao que acoden a diario centos de estudantes, figura tamén entre as actuacións que están a levarse a cabo, e que se completarán cunha intervención na praza de San Cristovo para modernizar as instalacións e garantir o correcto aproveitamento dese espazo público. Deste xeito, renovarase o pavimento de caucho e os xogos do parque infantil, acondicionaranse as zonas deportivas e repararase o mobiliario urbano. As obras no barrio de San Cristovo foron adxudicadas á empresa Lancer Proyectos y Obras S.A. por un importe de 187.099,81 euros.

Compartir: