Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal aproba varias...

A corporación municipal aproba varias modificacións da RPT avaladas pola mesa de negociación

As cuestións relacionadas co persoal centraron boa parte do pleno ordinario do mes de abril

Martes 25 de abril do 2017

Goberno e oposición estiveron empatados debido á ausencia do concelleiro do BNG Miguel Vales por motivos laborais

Goberno e oposición estiveron empatados debido á ausencia do concelleiro do BNG Miguel Vales por motivos laborais

A corporación municipal deu luz verde no pleno do luns varias propostas relacionadas co persoal que foran previamente aprobadas pola mesa de negociación. Por unha banda figura a modificación do cadro de persoal co obxectivo de crear unha praza de auxiliar de biblioteca para cubrir a vacante que deixa a xubilación da auxiliar administrativa que estaba adscrita a ese servizo, e outra de técnico asesor de medio ambiente como persoal eventual. A proposta saíu adiante cos votos do BNG e o PSOE, mentres que Terra Galega votou en contra e o PP abstívose.

Outra das decisións adoptadas con respecto ao persoal implica a modificación da RPT con tres obxectivos: primeiro, aprobar o complemento específico para os axentes da Policía Local en segunda actividade; segundo, crear unha praza de técnico de normalización lingüística, e terceiro, a singularización do posto de traballo de oficial xefe da Policía Local e a modificación dos postos de encargado de persoal de obras e servizos, xefe da área de formación e emprego, xefe do servizo de proxectos e obras e xefa do servizo de persoal “porque son postos que teñen responsabilidade”, explicou a concelleira de Persoal, Belén Lendoiro. Neste punto Terra Galega propuxo que quedase sobre a mesa o punto terceiro tras expresar as súas reservas sobre o contido do acordo. PSOE e PP secundárono, pero a petición foi rexeitada co voto de calidade do alcalde. Este luns houbo empate numérico entre goberno e oposición debido á ausencia do edil nacionalista Miguel Vales por motivos laborais. A continuación votouse a proposta do goberno, que contou co apoio do PSOE. O PP abstívose e Terra Galega manifestouse en contra.

Outros asuntos

O Concello de Carballo acada este ano o recoñecemento extraxudicial de crédito máis baixo da historia

Nun pleno con moitos asuntos de trámite deuse conta da designación dos membros do PP en órganos colexiados tras a incorporación de Aurelio Núñez. Tamén foron aprobadas facturas pendentes de exercicios anteriores por 12.290,59 euros, de maneira que neste 2017 acádase o recoñecemento extraxudicial de crédito máis baixo da historia, e que contou ademais co visto bo do BNG e o PP, mentres que TeGa e PSOE abstivéronse. Na modificación do orzamento para pagar a última certificación da caldeira de biomasa da piscina Carballo Calero, por importe de 34.145,90 euros, Terra Galega votou en contra e PP e PSOE abstivéronse.

A moción do PSOE sobre a publicación e estado de execución dos acordos plenarios foi rexeitada co voto de calidade do alcalde. Os socialistas tamén presentaron dous rogos relacionados coa presenza de excrementos de cans nas rúas e coa instalación de medidas que contribúan á redución da velocidade en Razo, dúas cuestións sobre as que o alcalde emprazou aos edís socialistas a abordar nunha xuntanza específica. Tanto PP como Terra Galega presentaron tamén rogos e preguntas sobre diferentes asuntos.

Compartir: