Inicio Carballo ao día Novas Clausurado o obradoiro “En familia todos contan”,...

Clausurado o obradoiro “En familia todos contan”, organizado por Adafad en colaboración co Concello e a Xunta

A concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, asistiu á entrega de diplomas ás participantes

Mércores 26 de abril do 2017

A concelleira Maica Ures asistiu á entrega de diplomas ás participantes

A concelleira Maica Ures asistiu á entrega de diplomas ás participantes

Hoxe rematou o obradoiro "En familia todos contan", promovido pola Asociación de Axuda a Familias de Drogodependentes (Adafad), en colaboración co Servizo de Prevención de Condutas Aditivas da Consellería de Sanidade e co Concello de Carballo, para nais e pais que afrontan dificultades importantes na educación dos seus fillos. As 12 familias usuarias dos servizos sociais municipais que participaron na iniciativa recibiron a visita da concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e recibiron os diplomas que acreditan a súa participación na iniciativa.

O obxectivo do taller foi achegar ás familias os recursos precisos para afrontar a tarefa educativa, incrementando os factores de protección fronte aos problemas en xeral e ao consumo de sustancias en particular. Con esa finalidade desenvolvéronse dous módulos nos que se abordaron a toma de decisións, o proceso de crecemento dos fillos e fillas, saber falar e escoitar e como actuar ante situacións concretas.

As 12 familias participantes traballaron en grupo durante cinco sesións de hora e media de duración, nas que contaron co apoio dos equipos técnico e profesional de Adafad, integrados por psicólogos, pedagogos, traballadores e educadores sociais e expertos en programas de prevención. O desenvolvemento do programa terá unha avaliación final para coñecer os resultados.

Compartir: