Inicio Carballo ao día Novas Os alcaldes da ribeira do Anllóns...

Os alcaldes da ribeira do Anllóns converten a posta en valor do río nun “proxecto de comarca”

Os rexedores de Cabana, Ponteceso, Coristanco, A Laracha e Carballo celebraron hoxe unha xuntanza de traballo

Xoves 27 de abril do 2017

Os alcaldes dos concellos bañados polo Anllóns volveron a reunirse hoxe en Carballo, por segunda vez nos últimos meses, para seguir avanzando na posta en marcha de medidas que contribúan á protección, a conservación e a dinamización do río, tres grandes obxectivos nos que cada concello viña traballando por separado, pero que a partir de agora convértense nun proxecto común. A posta en valor do río, de feito, debe ser un “proxecto de comarca”, como o definiu o rexedor de Cabana de Bergantiños, José Muiño. Na xuntanza tamén estiveron presentes os seus homólogos de Ponteceso, Lois García Carballido; Coristanco, Amancio Lavandeira, e A Laracha, José Manuel López Varela. Evencio Ferrero e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, exerceron como anfitrións.

Ese gran proxecto de comarca comezará cun traballo técnico. Luis Lamas aludiu á necesidade de elaborar “un diagnóstico da situación” antes de adoptar ningunha medida concreta, unha apreciación na que coincidiron todos os presentes. Deste xeito, nas vindeiras semanas promoverase unha xuntanza entre técnicos dos cinco concellos que desenvolven tarefas medioambientais para realizar ese estudo previo. A partir de aí estableceranse as accións, que serán coordinadas, e xestionarase a implicación doutras administracións, algunhas imprescindibles, como Augas de Galicia, e outras que poden incluso financiar actuacións concretos, como a Unión Europea. En calquera caso, outra das premisas dos alcaldes é abrir o proxecto á participación social para que a protección, a conservación e a dinamización do río que vertebra Bergantiños sexa un obxectivo de todas e todos.

Compartir: