Inicio Carballo ao día Novas As obras de mellora da rede viaria das parroquias...

As obras de mellora da rede viaria das parroquias arrancarán nos vindeiros días en Lema e Rebordelos

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou o contrato coa empresa adxudicataria, Construcciones Ramón Vázquez y Reino

Xoves 18 de maio do 2017

Evencio Ferrero, Diego Vázquez e Luis Lamas, na sinatura do contrato

Evencio Ferrero, Diego Vázquez e Luis Lamas, na sinatura do contrato

Dentro dos proxectos de mellora da rede viaria do rural, nos vindeiros días arrancarán as obras nas parroquias de Lema e Rebordelos. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato, por un importe de 101.822 euros, coa empresa adxudicataria, Construcciones Ramón Vázquez y Reino, que ten a intención de empezar de inmediato coas tarefas previas de limpeza das pistas. No acto de sinatura estivo presente tamén o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.

Nestes momentos o Concello de Carballo ten en execución ou en contratación proxectos de mellora da rede viaria do rural por un importe de 1.344.823,92 euros. A cifra aumenta ata 1.722.763,74 euros se incluímos as parroquias de Bértoa, Noicela e Vilela, onde as obras xa están rematadas. En Razo e Oza están case listas, e agora chega a quenda de Sísamo, Artes, Cances, Goiáns e Carballo. En Rus, Sofán, Entrecruces e Aldemunde atópanse en fase de licitación, e con Berdillo e Ardaña completarase o mapa municipal.

En todos os casos, a actuación consiste na limpeza de cunetas de toda a rede viaria e na pavimentación con dobre rego nos treitos nos que se teñen detectado deficiencias. A Concellería de Obras e Servizos realizou un informe previo no que se determinou que había un total de 85 quilómetros en mal estado, e neses puntos é nos que se está a traballar.

Compartir: