Inicio Carballo ao día Novas O Mercado Medieval do barrio da Milagrosa volve...

O Mercado Medieval do barrio da Milagrosa volve por cuarto ano

Un total de 51 postos estarán abertos ata o domingo na Praza da Milagrosa, na que tamén haberá espectáculos de malabares, exhibicións de cetrería e gaiteiros

Venres 19 de maio do 2017

A Praza da Milagrosa converteuse hoxe, ata o domingo, nun Mercado Medieval. É a cuarta edición dunha feira que organiza a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Profesionais do Barrio da Milagrosa, que contou co apoio do Concello e a Deputación da Coruña. Este ano quen se achegue ao popular barrio carballés poderá atopar nos 51 postos instalados no recinto desde produtos de alimentación, ata pratería, xoguetes de madeira, xabóns artesáns, flores, bolsos, carteiras e unha zona habilitada para que xoguen os máis cativos.

O programa apostou este ano pola música de gaitas, a animación de malabares, unha cea medieval para cen comensais e karaoke incluído (o sábado, ás 22.00 horas), e a xa tradicional exhibición de cetrería: o sábado e o domingo, en dúas sesións, entre as 12.00 e as 13.00 horas e entre as 18.00 e as 19.00, aínda que os visitantes (entre os que estará, o domingo, a Televisión Galega) poderán gozar da beleza das as aves, cando non voen, durante toda a xornada.

Os que madrugaron para non perder detalle foron Evencio Ferrero e Xosé Regueira. O alcalde e o concelleiro de Turismo achegáronse ao Mercado a primeira hora da tarde, na compaña de Isabel Vázquez, presidenta da entidade organizadora, e puideron comprobar de primeira man o bo ambiente que ofrece cada ano este evento.



Galería

Compartir: