Inicio Carballo ao día Novas O Centro Especial de Emprego Aspaber presenta os...

O Centro Especial de Emprego Aspaber presenta os medios humanos e técnicos para o servizo de limpeza viaria

A entidade renovou a concesión, a través dun concurso público, para os vindeiros catro anos

Venres 19 de maio do 2017

Dúas varredoras, unha hidrolimpadora, un vehículo, papeleiras e postes de suxeición son os medios materiais dos que disporá o Centro Especial de Emprego Aspaber para desenvolver a concesión do servizo de limpeza viaria do Concello de Carballo durante os próximos catro anos. O investimento supera os 250.000 euros, unha cifra especialmente importante para unha entidade deste tipo, como destacou a súa directora, Dolores Fernández, na presentación pública da maquinaria, que tivo lugar este venres na Praza dos Bombeiros Voluntarios. Pero o máis importante non é o investimento material, senón a posibilidade de que persoas con discapacidades accedan ao mundo laboral. Nese sentido, Aspaber agradeceu a aposta realizada no seu momento polo Concello de Carballo. “Foi o primeiro concello que o fixo, e oxalá houbese moitos máis”, declarou Dolores Fernández.

A concesión ten un orzamento anual de 356.344,91€ e empregará de xeito directo a 20 persoas, máis unha unidade de apoio formada por outras 4 persoas

A esa aposta referiuse tamén o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que incidiu especialmente no feito de que o primeiro concurso que gañou Aspaber, no ano 2007, non incluía ningunha cláusula especial que beneficiase a unha entidade social, co cal tivo máis mérito aínda. Aquela concesión, igual que a actual, son un motivo de orgullo para o goberno municipal e para a cidadanía, asegurou Evencio Ferrero, quen destacou como unha das accións máis destacadas destacada dos seus 14 anos de goberno que o Centro Especial de Emprego Aspaber se encargue non só da limpeza viaria, senón tamén da limpeza de diversos edificios municipais e dos centros de ensino.

A concesión ten un orzamento anual de 356.344,91€ e empregará de xeito directo a 20 persoas, máis unha unidade de apoio formada por outras 4 persoas. Esta concesión é un grande fito para o CEE Aspaber, que conta na actualidade cun total de 48 persoas contratadas, 41 delas con algún tipo de discapacidade, e que xa realiza a limpeza viaria dos concellos da Laracha e de Malpica.

Previamente, as autoridades, entre as que se atopaba a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, que destacou o gran labor de Aspaber, realizaran unha visita ás instalacións da Brea, onde puideron comprobar de primeira man o gran traballo que se realiza nos diferentes talleres do Centro Especial de Emprego.



Galería

Compartir: