Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Allariz importa o noso modelo do...

O Concello de Allariz importa o noso modelo do Horto Infantil Ecolóxico Municipal

Técnicos relacionados co proxecto da Concellería de Promoción Económica realizan unha visita de traballo ao concello ourensán

Mércores 21 de xuño do 2017

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal de Carballo está a converterse nun modelo a imitar por outras Administracións, entre elas o Concello de Allariz, que quere importar o noso proxecto para poñer en marcha unha iniciativa semellante. De feito, o técnico de Medio Ambiente do concello ourensán realizou recentemente unha visita a Carballo para coñecer a experiencia máis de preto, e este xoves serán o coordinador do Horto e o técnico asesor de Medio Ambiente os que se desprazarán a terras ourensás para prestar asesoramento ao Concello de Allariz de cara á posta en marcha do seu propio horto infantil e escolar.

Decenas de nenas e nenos teñen participado, dende hai máis de dous anos, nas actividades programadas pola Concellaría de Promoción Económica no Horto Infantil Ecolóxico Municipal de Carballo, que está a piques e iniciar unha nova etapa de tres anos de programación estable. O 26 deste mes arrancarán os obradoiros de verán cun total de 42 participantes, todos eles e elas escolares do 2º ciclo de Educación Infantil e de Primaria. O obxectivo desta experiencia, é poñer aos nenos e nenas en contacto coa natureza e a terra, poñer a disposición das familias unha ferramenta de apoio ao labor educador e formativo dos centros de ensino e converterse nun laboratorio de novas ideas e técnicas que fomenten o espírito emprendedor dende a infancia.

Compartir: