Inicio Carballo ao día Novas As bandeiras azuis ondean xa en Pedra do Sal e As...

As bandeiras azuis ondean xa en Pedra do Sal e As Saíñas

O alcalde, o concelleiro de Medio Ambiente, persoal de Protección Civil e socorristas colocaron hoxe tamén a placa do Sendeiro Azul de Razo a Baldaio

Venres 23 de xuño do 2017

A primeira Bandeira Azul colocouse en Pedra do Sal

A primeira Bandeira Azul colocouse en Pedra do Sal

Nas praias de Carballo hoxe as bandeiras son multicor. Porque é un dos poucos días do verán nos que temos o mar como un prato e bandeira verde para o baño, xa están colocadas as bandeiras brancas e verdes das certificacións europeas de xestión ambiental e ademais a última hora da mañá o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales; persoal de Protección Civil e socorristas izaron as dúas bandeiras azuis que ondearán este verán en Pedra do Sal e As Saíñas. En Razo quedou colocada tamén a placa do Sendeiro Azul que discorre por todo o litoral carballés, e que conta tamén co recoñecemento ambiental. 

Xunto aos 19 socorristas que integran polo momento o equipo de salvamento están a realizar as súas prácticas estes días catro alumnos dos cursos organizados pola Cruz Vermella. O Concello realizará un segundo proceso selectivo para intentar completar as 35 prazas convocadas inicialmente de cara aos meses de xullo e agosto, nos que se rexistra a maior afluencia de visitantes. Aínda que con menos recursos humanos dos previstos, os servizos mínimos están cubertos en horario de 11 a 20.

Xunto á placa do Sendeiro Azul, en Razo

Xunto á placa do Sendeiro Azul, en Razo

Dentro das medidas previstas para ofrecer as máximas garantías de seguridade aos usuarios, o Concello de Carballo tamén instalou un panel informativo sobre a clasificación sanitaria das seis zonas de baño nas que por parte do Servizo Municipal de Protección Civil, en coordinación coa Xunta de Galicia, quedou dividido o litoral. En tres delas, Ría de Baldaio, As Saíñas e Pedra do Sal, a calidade da auga é excelente, e en Razo é boa, polo que son as recomendadas para o baño; en Arnados a calidade é insuficiente, polo que non é aconsellable, e nas dunas está prohibido por tratarse dunha zona protexida que ademais non está controlada sanitariamente nin por parte do servizo de salvamento e socorrismo.

Compartir: