Inicio Carballo ao día Novas Aprobada a oferta de emprego público do...

Aprobada a oferta de emprego público do Concello de Carballo para este ano cun total de 34 prazas

Luz verde para un convenio coa Deputación da Coruña para o financiamento do proxecto de mellora urbana Rexenera Fest

Luns 14 de agosto do 2017

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe a Oferta de Emprego de Persoal (OEP) do Concello de Carballo para o ano 2017, aínda que dispón de tres anos para convocar os procesos selectivos correspondentes. Son 34 prazas en total, 33 de funcionarios/as de carreira e 1 de persoal laboral fixo. En canto á forma de acceso, 18 serán libres e as 16 restantes, por promoción interna. E polo que se refire ao tipo de postos, hai de técnicos para distintos departamentos, persoal de oficios ou para a Policía Local.

As últimas ofertas de emprego foran aprobadas nos anos 2013 e 2014, segundo o Plan de Emprego do Concello de Carballo. Por diferentes motivos, os procesos selectivos non foron convocados, polo que volven a incluírse neta OEP 2017. A maiores figuran o resto das prazas vacantes recollidas no cadro de persoal da Policía Local para este ano e do funcionariado pertencente á administración xeral, subescala administrativa, cuxa incorporación, como no caso da Policía Local, habilita a Lei de Presuspostos Xerais do Estado. A relación completa figura ao final desta nova.

Na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou un convenio coa Deputación da Coruña para o financiamento do proxecto piloto de mellora de contornos urbanos mediante intervencións artísticas en medianeiras descubertas Rexenera Fest. Mediante este acordo, a institución provincial achegará o 80% do orzamento.



Galería

Compartir: