Inicio Carballo ao día Novas Carballo renova o seu compromiso solidario,...

Carballo renova o seu compromiso solidario, humanitario e político co pobo saharauí

Evencio Ferrero recibiu hoxe a nenos e nenas que pasan con familias da comarca as súas Vacacións en Paz

Mércores 16 de agosto do 2017

“Por solidariedade, por humanidade e por política tamén hai que estar do lado dos débiles. Que un pobo leve tantos anos vivindo en campamentos é algo que nos ten que conmover e doer, e por iso seguiremos colaborando cunha causa tan xusta como é a do pobo saharauí”. Con estas palabras de Evencio Ferrero, o Concello de Carballo renovou o seu compromiso co pobo saharauí, expresado, un ano máis, a través do programa Vacacións en Paz. Grazas a esta iniciativa da Asociación de Amigos do Pobo Saharauí, cinco nenos e nenas están a pasar un verán máis con familias de Carballo e Coristanco. Hoxe foron recibidas polo alcalde, que os agasallou cunhas coloridas mochilas cheas de material escolar.

Xunto aos nenos e as súas familias de acollida estivo tamén Joaquín Prieto en representación da asociación, en nome da cal agradeceu a colaboración do Concello de Carballo “por dar visibilidade” a un problema político do que culpou ao Goberno de España “por non facer nada en 45 anos”. Prieto manifestou a súa esperanza de que no futuro estes nenos e nenas recibidos hoxe polo alcalde poidan volver a visitar Carballo “como membros dun país libre”.

Os nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 10 e os 11 anos, aproveitan os seus últimos veráns de Vacacións en Paz, xa que o programa rematará para eles a partir dos 12. Algúns non só repiten experiencia, senón tamén familia, o que facilita a súa adaptación. Encántalles o mar, a piscina e as festas, e cando se trata de comer hai para todos os gustos, pero a ensaladilla, a pizza e as hamburguesas trunfan. Malia as diferenzas culturais, que son moitas, as relacións coas familias son moi boas, e non é raro que algunhas acaben visitando os campamentos saharauís.



Galería

Compartir: