Inicio Carballo ao día Novas O Tribunal de Recursos avala a exclusión...

O Tribunal de Recursos avala a exclusión da Asociación de Hostelería da Coruña do primeiro procedemento de contratación da formación en cociña

Desestimado o recurso que presentara a entidade contra a inadmisión da xustificación da baixa temeraria na súa oferta económica

Venres 18 de agosto do 2017

O Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais desestima o recurso da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña contra a  súa exclusión no primeiro procedemento de contratación dos servizos de formación en cociña impulsado polo Concello de Carballo. A mesa de contratación desestimara, en virtude do informe elaborado polo comité de expertos, a xustificación da baixa temeraria presentada, por entender que os gastos de persoal non se correspondían co equipo de traballo proposto e que a programación presentada resultaba inviable pola escasa materia prima prevista.

A resolución pecha a vía administrativa, e agora só cabe interpoñer recurso ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses

Segundo o tribunal, non é discutible o feito de que a baixa do 31% “resultaba desproporcionada”, polo que o quid da cuestión era dilucidar se estaba debidamente xustificada, como argumentaba a asociación recorrente, ou non, como defendía o comité de expertos. Con respecto aos gastos de persoal, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña argumentaba que dispoñía de persoal propio con contratos indefinidos, de aí os baixos custes do equipo de traballo, integrado por tres persoas a xornada completa; pero o tribunal sinala que “ningunha destas persoas, das que se xuntaba currículo, pertence á plantilla da asociación”.

En canto ao orzamento para materia prima, o comité de expertos botou en falta produtos relevantes para unha formación completa, como carne de caza ou año, ou cantidades suficientes doutros como ovos, por exemplo. A entidade recorrente argumentaba que estas obxeccións supoñían unha segunda análise da súa oferta técnica, pero o tribunal desmonta ese argumento aclarando que é “unha avaliación da información proporcionada que se xulga como insatisfactoria para xustificar o baixo nivel dos custes propostos”. Para o tribunal, o informe técnico do Concello de Carballo está suficientemente argumentado.

A resolución pecha a vía administrativa, e agora só cabe interpoñer recurso ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.

Compartir: