Inicio Carballo ao día Novas O Concello inviste este ano case 800.000 euros...

O Concello inviste este ano case 800.000 euros nos centros sociais das parroquias

A veciñanza de Ardaña poderá celebrar o magosto no novo edificio, que estará listo a finais de outubro

Venres 15 de setembro do 2017

A fachada do centro social de Ardaña xa está pintada

A fachada do centro social de Ardaña xa está pintada

Todo indica que o magosto de Ardaña poderá celebrarse no novo centro social. O exterior quedará rematado a semana que vén coa colocación das ventás, e a partir dese momento os traballos centraranse no interior do edificio. A empresa que leva a cabo a obra, Construcciones López Cao, agarda telo listo a finais de outubro, segundo confirmaron ao alcalde, Evencio Ferrero, durante a visita que realizou hoxe á obra acompañado polos concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo.

Os remates interiores acometeranse a partir da semana que vén

Os remates interiores acometeranse a partir da semana que vén

O centro social de Ardaña, que se sumará á rede municipal de centros sociais nas parroquias, ten 417,09 metros cadrados distribuídos entre o soto (destinado a almacén e instalacións) e a planta baixa. A construción do edificio é financiada integramente polo Concello de Carballo cun investimento de 311.333 euros. A maiores, a empresa adxudicataria asumirá sen custe adicional para as arcas municipais o mobiliario e o equipamento do edificio,  a instalación dunha tarima de escenario no salón de actos e dun tabique móbil que permitirá flexibilizar o uso do salón principal, e a urbanización dunha superficie duns  900 metros cadrados. Todas estas melloras están valoradas en 90.000 euros.

Reparacións en sete locais de seis parroquias

Pero rede de centros sociais das parroquias non só medra en novas edificacións, senón tamén en calidade. Á parte da construción do centro social de Ardaña, o Concelllo de Carballo tamén financia con cargo aos orzamentos deste ano a posta a punto de seis locais en cinco parroquias cun investimento de 459.419,33 euros. En todos os casos, as actuacións responden ás demandas do movemento asociativo que utiliza e xestiona as instalacións municipais de Artes, Entrecruces, Ramil e Outón de Rus, Oza e Sísamo. As obras serán adxudicadas e comezarán a executarse nas vindeiras semanas.

Nas imaxes apréciase a diferenza antes e despois do pintado da escola de Vilela

Nas imaxes apréciase a diferenza antes e despois do pintado da escola de Vilela

Xunto a estes proxectos, que suman 770.752,33 euros, a raíz da petición do Consello Parroquial de Vilela tamén se procedeu ao acondicionamento do interior da antiga escola unitaria para que poida ser utilizada como centro social por parte do propio consello e da asociación veciñal que está en fase de constitución na parroquia. Os traballos consistiron, fundamentalmente, no pintado do local.

Compartir: