Inicio Carballo ao día Novas Comeza o proceso de contratación de obras...

Comeza o proceso de contratación de obras de saneamento nas parroquias de Artes, Sofán e Rus por un total de 465.338 euros

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou na xuntanza de hoxe a licitación do proxecto de “Rutas sen barreiras en itinerarios peonís escolares”

Luns 9 de outubro do 2017

Arranca o proceso de contratación de máis proxectos que serán financiados con cargo ao canon da auga, que nesta primeira anualidade acada os dous millóns de euros. Despois de poñer en marcha o procedemento de licitación das melloras urxentes nas redes de abastecemento e saneamento de Carballo, a Xunta de Goberno Local deu luz verde na sesión ordinaria de hoxe a outros tres proxectos valorados en 465.338 euros: Rede de saneamento no Cadabuxo, A Ermida e A Rachola (Sofán), cun orzamento de 99.272,94 euros; Rede de saneamento no Barral, Feira de Berdillo e Quintela (Artes), por 231.151,94 euros, e Rede de saneamento nas parroquias de Rus e Sofán, nas se investirán outros 134.913,61 euros. Con estas novas licitacións só quedarán pendentes para este ano dous proxectos para a mellora e a modernización da ETAP de Carballo e das EDAR de Carballo e Razo.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou, unha vez recibida a autorización da Deputación da Coruña, o expediente de contratación do proxecto “Rutas sen barreiras en itinerarios peonís escolares”, que mellorará a accesibilidade ao longo de todos os percorridos utilizados polos nenos e nenas dos camiños escolares dos colexios Fogar e Bergantiños. As obras, que consisten en pequenas actuacións para adaptar, por exemplo, a anchura ou a pendente dos vaos peonís, o pavimento táctil ou a altura das beirarrúas.

Na sesión de hoxe foron aprobadas facturas por un total de 43.851,17 euros; cinco licenzas urbanísticas, entre elas a de construción dunha nave destinada a procesado de legumes no parque empresarial de Bértoa, ou as prórrogas dos contratos de servizos bibliotecarios e limpeza dos colexios.

Promoción do deporte escolar

Fóra da orde do día recibiron o visto bo do goberno municipal as bases da convocatoria de subvencións destinadas á promoción e o fomento o deporte escolar no noso concello durante o curso 2017-18. O Concello de Carballo destina 30.000 euros a esta liña de axudas, ás que poderán optar ANPAs e agrupacións deportivas de centros públicos.

Compartir: