Inicio Carballo ao día Novas Reordenación do tráfico na contorna...

Reordenación do tráfico na contorna da Praza do Concello para facilitar a actividade das feiras e mercados

O acceso á rúa Colón realizarase desde Desiderio Varela

Venres 20 de outubro do 2017

Despois de avaliar os últimos cambios, a Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana, a proposta da Policía Local, reordenará o tráfico na contorna da Praza do Concello para facilitar a actividade das feiras e dos mercados. As modificacións, polo tanto, só afectan á circulación dos xoves e dos domingos de feira pola mañá, e teñen como obxectivo favorecer a instalación dos postos de venda e garantir a seguridade peonil das persoas que acoden facer as súas compras.

Deste xeito, a rúa Desiderio Varela estará aberta na súa totalidade ata as 10 horas, coincidindo coa instalación dos postos dos feirantes. A partir das 10 estará parcialmente aberta, ata a rúa Colón. Esta última volve a cambiar de sentido, de xeito que os vehículos accederán desde Desiderio Varela e terán a saída pola rúa Cervantes en dirección á Gran Vía.

A Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana pide desculpas polas molestias que poidan ocasionar estes cambios, que se levan a cabo despois de analizar o funcionamento do tráfico e que desde a Policía Local considéranse definitivos e necesarios para garantir a seguridade e mellorar a mobilidade.

Compartir: