Inicio Carballo ao día Novas O servizo municipal de control de pragas...

EN NOVEMBRO RETIRÁRONSE 99 NIÑOS DE VELUTINA, O QUE ELEVA A 611 O TOTAL ANUAL

O servizo municipal de control de pragas desratiza todas as rúas do casco urbano catro veces ao ano

Á parte das inspeccións rutinarias, o mes pasado o servizo incidiu con controis intensivos en Ponte da Pedra, Méndel, Vicente Risco, Igrexa, Río e Praza da Cruz Vermella

Luns 4 de decembro do 2017

O Concello de Carballo conta desde o ano 2004 cun servizo municipal de control de pragas que se encarga, fundamentalmente, da desratización do casco urbano e, desde a irrupción da avespa asiática, da loita contra esta especie invasora. En ámbolos dous casos, a empresa encargada do servizo actúa puntualmente ante avisos pola presenza de roedores ou velutina, pero no primeiro realiza ademais un labor permanente de prevención.

Para facilitar o control da poboación de ratas, o casco urbano de Carballo está dividido en tres sectores. Cada mes o servizo actúa nun deles, o que supón que todas as rúas son desratizadas catro veces ao ano. En novembro, por exemplo, os traballos centráronse no sector 3, que abrangue as rúas Salgueiro, Xestas, Fiúnchos, Névedas, Lérida, Pan, Gardenias, Magnolias, Moreiras, Mimosas, contornas da estación de autobuses e do río Anllóns, Vitoria, Saúde, Fomento, Barcelona, Tarragona, Xirona, Río, San Pedro, Santa María, San Antonio, San Ramón, Santa Ana, San Paio, San Martiño, Río Deza, Río Miño, Río Sil, Río Rosende, avenida da Milagrosa, Cemiterio Vello, Emilio González López, Isidro Parga Pondal, Xesús San Luís Romero, Saturniño Cuíñas, Fotógrafo Xosé Vidal, Xílgaro, Luís Braille, Cuco, Anduriña, Río Anllóns, Mahón, Río Xallas, Río Tambre, Río Ulla, Río Grande, Mera, Mandeo, Eo, avenida de Fisterra, Merlo, Vicente Risco, Eduardo Blanco Amor, Camilo José Cela, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Pascual Veiga, López Abente e Muíño do Quinto.

Para avisar sobre a presenza de ratas, vespa velutina ou calquera outra praga están dispoñibles os números de telefono 981754699 (Plaguiber), 981704100 (Concello) ou 981701722 (Policía Local)

O persoal da empresa realizou dúas revisións en cada unha destas rúas e, a maiores, incidiu especialmente, con controis diarios, en Ponte da Pedra (contorna do CCB Gadis) e rúas Méndel, Vicente Risco, Igrexa, Río e Praza da Cruz Vermella. As inspeccións realízanse tanto a pé de rúa como, sobre todo, na rede de sumidoiros. Isto permite que a presenza de ratas teña unha incidencia leve ou moi leve, e sempre que se detecta un brote intensifícanse os controis e as accións para erradicalo.

O servizo municipal de control de pragas actúa en todo o territorio municipal, aínda que os labores de desratizacións concéntranse no casco urbano. Se unha persoa detecta a presenza de roedores só ten que comunicarllo directamente á empresa concesionaria (Plaguiber, 981754699), ao Concello de Carballo (981704100) ou á Policía Local (981701722) e activarase o protocolo de actuación establecido.

Vespa asiática

A mesma forma de contacto (tamén o 012 ou o 112) pode utilizarse para alertar sobre a presenza dun niño de velutina. No mes de novembro foron retirados un total de 99, todos secundarios e situados, na súa práctica totalidade, en árbores. A parroquia máis afectada foi a de Rus, con 22. No que vai de ano, o servizo municipal de control de pragas leva retirados 611 niños e vespa asiática, o que evidencia a magnitude do problema.

Compartir: