Inicio Carballo ao día Novas Carballo impulsa a posta en valor,...

Carballo impulsa a posta en valor, socialización, difusión e actualización da regueifa a través do proxecto Enreguéifate

A investigadora, regueifeira e autora do libro Regueifa en Bergantiños, Alba María Rodríguez, dará a coñecer a súa obra e regueifará con Lupe Blanco o vindeiro mércores 13, a partir das 20.30 horas,

Martes 5 de decembro do 2017 Lingua

“Comeza a baixar o sol en Bergantiños. Celestrino de Leduzo viste unha camisa branca, un chaleco e un lazo que o fan semellarse a un distinguido artista. Non moito máis lonxe, Calviño de Tallo ultima tamén a roupa para o espectáculo, idéntica á do compañeiro. Emprenden camiño, unhas veces a pé, outras xa en automóbil, para cantar en Buño, Cerqueda, Carballo, Vedra, A Coruña... Ambos gardan no inconsciente a materia prima duns versos que só nacerán despois, nun volátil presente, á beira da imaxinación, a retranca, o debate, o humor e o artificio retórico.” Así presenta Alba María Rodríguez, investigadora e regueifeira, o seu libro-disco Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo, un volume acabado de editar e que será presentado o mércores 13 de decembro na capital bergantiñá.

Para a presentación, que organiza o Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística, escolleuse un lugar simbólico e acolledor para a regueifa, como o é a emblemática Taberna O’Mexillón, ademais, casa natal de Alfredo Brañas. E non será unha presentación ao uso, pois tratándose de regueifa, non podía faltar a improvisación cantada, polo que xunto coa autora, que é regueifeira, tamén estará outra coñecida da zona, Lupe Blanco. No acto participarán ademais o editor da Central Folque, Ramom Pinheiro, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira.

Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo, é un volume que inclúe un traballo de investigación e divulgación sobre estes dous emblemáticos regueifeiros bergantiñáns, xunto con gravacións inéditas en CD, nas que se pode escoitar regueifando a Blanco de Muíño Seco con Josefa de Vigo ou con Pedro Bardancas, a Celestrino con Calviño ou con Antonio de Xornes, ou xuntos a Mandián, Suso de Xornes, Celestrino e Calviño.

Esta actividade é a primeira de varias que durante os próximos meses terán lugar en Carballo para a posta en valor, socialización, difusión e actualización da regueifa, e que se desenvolverán desde o Servizo de Normalización Lingüística municipal no marco do proxecto Enreguéifate. A presentación deste libro-disco, que foi editado pola Central Folque, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Radio Galega, terá lugar o vindeiro mércores 13 de decembro, ás 20.30 h, na Taberna O’Mexillón, con entrada libre.

Ligazóns

Compartir: