Inicio Carballo ao día Novas Autorizados no que vai de ano 25 novos vaos, que...

Autorizados no que vai de ano 25 novos vaos, que elevan o censo total a 867

A empresa encargada da pintura viaria sinalizou no último mes 148 accesos a garaxes en distintas rúas do casco urbano

Xoves 7 de decembro do 2017

Aínda que ao último que se autorizou correspondeulle o número 1.078, en Carballo están vixentes nestes momentos 867 vaos. No que levamos de ano foron aprobados un total de 25.

A ordenanza xeral sobre circulación e utilización das vías públicas de Carballo, aprobada no ano 2013, establece que os vaos poden ser permanentes ou laborais. Neste último caso establécese un horario de 07.00 a 20.30 e exclúense os domingos e festivos. Os titulares deben encargarse da limpeza dos accesos ao inmoble de posibles residuos derivados da entrada e saída de vehículos, ademais de colocar os sinais aprobados polo Concello en zona visible e aboar os gastos de sinalización. Tamén serán por conta do titular as reparacións de posibles danos nas beirarrúas polo uso especial que comporta o tránsito de vehículos.

O Concello de Carballo realiza periodicamente unha revisión da sinalización horizontal. No último mes, sen ir máis lonxe, a empresa responsable do servizo de pintura viaria procedeu á sinalización dun total de 148 vaos nas rúas Estrela, Ourense, Avenida de Fisterra, Pontevedra, Lugo, Perú, Luis Calvo, Vázquez de Parga, Avenida de Malpica, Camilo José Cela, Castelao, Rosas, Orquídea, Mirtos, Papoula, Xeranios e Caravel.

Descargas

Compartir: