Inicio Carballo ao día Novas Máis de cen nenos e nenas recibirán...

Máis de cen nenos e nenas recibirán a visita dos Reis Magos grazas á campaña de recollida de xoguetes da Cruz Vermella

O Concello de Carballo e a Escola Basket Xiria apoian a iniciativa establecendo puntos de entrega para as persoas que queiran colaborar

Luns 11 de decembro do 2017

Marcos Díaz Molk, Ana Veira e Maica Ures presentaron hoxe a campaña

Marcos Díaz Molk, Ana Veira e Maica Ures presentaron hoxe a campaña

A última campaña de recollida de xoguetes que levou a cabo a Cruz Vermella en Carballo favoreceu que 127 nenos e nenas puidesen recibir a visita dos Reis Magos e exercer o seu dereito ao xogo. A cifra de beneficiarios, que aumentara durante os peores anos da crise, vai diminuíndo nos últimos anos, pero Ana Veira, coordinadora da Asemblea Local da Cruz Vermella, pensa que este ano vaise manter arredor deses 127.

Un dos puntos de entrega está na Biblioteca Rego da Balsa

Un dos puntos de entrega está na Biblioteca Rego da Balsa

Hoxe, na presentación da iniciativa, Ana Veira fixo un novo chamamento á participación e agradeceu a colaboración de entidades e institucións como a Escola Basket Xiria, que leva varios anos participando na campaña, e o Concello de Carballo, que nesta ocasión estableceu como punto de entrega a Biblioteca Rego da Balsa. “É unha colaboración que temos que agradecer, porque as asociacións son as que aportan a maior parte dos xoguetes que logo entregamos”, destacou a coordinadora da Asemblea Local da Cruz Vermella.

Marcos Díaz Molk, presidente da Escola Basket Xiria, explicou que desde a entidade trátase de colaborar en campañas sociais a través do deporte, e nese sentido lembrou a recente participación na iniciativa Carballo en negro contra as violencias ou a visibilidade que se lle está a dar a Aspaber a través do baloncesto. “Neste caso –engadiu- colaboramos na campaña de recollida de xoguetes para nenos que doutro xeito non poderían telos. Por iso convidamos a todo o mundo a que poña un gran de area, que non teñan vinte xoguetes os nosos nenos e que teñamos un para un neno ao que non llo poderían comprar”.

A campaña está aberta ata o domingo 17. Os xoguetes poden entregarse na sede da Cruz Vermella, nos adestramentos e partidos da Escola Basket Xiria e na Biblioteca Rego da Balsa

Na mesma liña, Maica Ures, concelleira de Igualdade e Benestar, animou á cidadanía a poñer “ese gran de area ao que aludía Marcos para que todos eses nenos e nenas poidan exercer o seu dereito, e tamén a súa obriga, a xogar”.

A campaña está aberta ata o domingo 17. Os xoguetes, pero tamén papel de regalo ou celo, poden entregarse na sede da Cruz Vermella (antigas vivendas dos mestres), nos adestramentos e partidos da Escola Basket Xiria e na Biblioteca Rego da Balsa.

Compartir: