Inicio Carballo ao día Novas O pedibús do CEIP A Cristina realizou o...

O pedibús do CEIP A Cristina realizou o seu primeiro percorrido sen ningún contratempo

Un total de 28 nenos e nenas e varias mamás voluntarias participan nesta experiencia, que tamén se leva a cabo nos colexios Fogar e Bergantiños

Martes 12 de decembro do 2017

O pedibús do CEIP A Cristina xa está en marcha. Hoxe realizou a súa primeira viaxe con 28 nenos e nenas, entre as dúas rutas deseñadas, e varias mamás voluntarias. Axentes da Policía Local reforzaron a súa presenza ao longo dos percorridos para colaborar no bo desenvolvemento da iniciativa. Os/as participantes, identificados cos triángulos reflectantes do Camiño Escolar de Carballo, realizaron o traxecto “moi contentos”, segundo comentaron desde a ANPA Fonte da Cristina, impulsora da implantación do pedibús, á concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, que se desprazou ata o colexio á hora da saída.

O obxectivo último é que os nenos e as nenas poidan ir andando sos ao colexio con total seguridade. Por iso, aínda que as familias seguirán participando dun xeito organizado, pouco a pouco reducirase a presenza de adultos e a da Policía Local limitarase co paso do tempo aos cruces máis perigosos.

O CEIP A Cristina conta inicialmente con dúas rutas, unha con saída da rúa Mahón e outra na Praza da Cruz Vermella, con varias paradas ao longo de cada percorrido nas que se irán sumando os nenos e nenas participantes. Deste xeito, aínda que neste cole a práctica totalidade do alumnado xa vai a pé, conseguirase que o fagan dun xeito organizado e con maior seguridade, ademais de fomentar a mobilidade peonil e contribuír a incrementar a autonomía infantil, como tamén se está a facer nos colexios Fogar e Bergantiños desde o curso 2012-2013.

Compartir: