Inicio Carballo ao día Avisos A BDT ten aberto o prazo para participar no...

A BDT ten aberto o prazo para participar no proceso de selección de fontaneiros/as para traballar en Holanda

Xoves 28 de decembro do 2017

Por segunda vez no que vai de ano, unha empresa holandesa recorre á Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo coa intención de contratar a profesionais da fontanería para traballar naquel país, onde o sector da construción se atopa nun bo momento e precísase man de obra cualificada, sobre todo, en instalación de calefacción.

Os/as fontaneiros/as da zona poderán inscribirse a través do número de teléfono 981709011, onde tamén se ofrece todo tipo de información, ou ben de maneira presencial na BDT, no segundo andar do edificio administrativo do Fórum Carballo. As persoas doutros puntos do territorio nacional poderán enviar os seus currículums a bdt@carballo.gal. Como no caso anterior, o labor da Bolsa de Traballo será o de intermediación, buscando os perfís que mellor se adapten á oferta.

Ao igual que no proceso anterior, a empresa require fontaneiros de primeira e de segunda, que deben xustificar tres anos de experiencia como mínimo e que, preferentemente, aínda que non é imprescindible, deben saber manexarse en inglés. Inicialmente, os contratos serán de catro meses de duración. A empresa corre con todos os gastos, tanto de desprazamento coma de aloxamento. Antes de empezar a traballar os profesionais deben realizar un curso de prevención de riscos específico (non están homologados os que se imparten en España) e asígnaselles un número de identificación fiscal para que poidan asinar o contrato. A xornada laboral é de 7 a 15 horas, e os fontaneiros traballan en grupos de dous.

Dada a urxencia na contratación, as persoas interesadas poderán anotarse durante o que queda de decembro e tamén no mes de xaneiro, xa que a finais do vindeiro mes está previsto realizar o proceso de selección. No caso de que, como a vez anterior, exista un número importante de candidatos, a empresa volverá a realizar as entrevistas no Fórum Carballo.

Compartir: