Inicio Carballo ao día Novas A BDT colabora por segunda vez cunha empresa...

A BDT colabora por segunda vez cunha empresa holandesa para realizar unha selección de profesionais da fontanería

Como consecuencia do primeiro proceso realizado en Carballo foron contratadas 12 persoas, que a día de hoxe seguen a traballar en Holanda

Luns 12 de febreiro do 2018

As entrevistas celebráronse hoxe no Fórum Carballo

As entrevistas celebráronse hoxe no Fórum Carballo

A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo colabora por segunda vez cunha empresa holandesa que precisa contratar fontaneiros. Desde Holanda desprazouse hoxe ata a nosa vila un representante da empresa co obxectivo de manter un primeiro contacto cos candidatos, un total de 15 profesionais chegados desde toda Galicia e tamén de Asturias, que se deron cita no Fórum Carballo para participar no proceso de selección.

O auxe da construción que está a vivir Holanda e a escaseza de man de obra cualificada, sobre todo en instalación de calefacción, son factores determinantes á hora de buscar persoal no norte de España, principalmente. Ao igual que no proceso que se levou a cabo o ano pasado, a empresa require fontaneiros de primeira e de segunda, que deben xustificar tres anos de experiencia como mínimo e que, preferentemente, aínda que non é imprescindible, deben saber manexarse en inglés. Inicialmente, os contratos son de catro meses de duración. A empresa corre con todos os gastos, tanto de desprazamento coma de aloxamento. Antes de empezar a traballar os profesionais deben realizar un curso de prevención de riscos específico (non están homologados os que se imparten en España) e asígnaselles un número de identificación fiscal para que poidan asinar o contrato. A xornada laboral é de 7 a 15 horas, e os fontaneiros traballan en grupos de dous.

A convocatoria realizada no pasado mes de marzo tivo moito eco. Dos 20 candidatos entrevistados foron contratados 12, que a día de hoxe seguen a traballar en Holanda. Nesta ocasión presentáronse 15 profesionais interesados, e pecháronse outras 8 contratacións. Este ano a empresa prevé que precisará cubrir un total de 75 prazas, polo que é máis que probable que se abran novos procesos de selección. 

A BDT ten as portas abertas tanto a empresas que anden á procura de man de obra coma de persoas que estean a buscar traballo ou que queiran mellorar a súa situación laboral. Para calquera deles/as está dispoñible o número de teléfono 981709011.

Compartir: