Inicio Carballo ao día Novas Setenta persoas están a formarse nos...

O OBRADOIRO DE CARPINTERÍA REMATARÁ O 28 DE MARZO

Setenta persoas están a formarse nos cursos para desempregados/as que impartimos no Fórum Carballo

O alcalde fixo un percorrido polos talleres para preparar a visita que realizarán este mes o delegado territorial e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta

Luns 12 de febreiro do 2018

No obradoiro de carpintería están fabricando mobiliario urbano

No obradoiro de carpintería están fabricando mobiliario urbano

Setenta persoas están a formarse nestes momentos no Fórum Carballo co obxectivo de acadar a inserción laboral. O Concello de Carballo imparte catro accións formativas para desempregados/as subvencionadas polo Fondo Social Europeo a través da Xunta de Galicia dentro do Plan AFD 2017-18, ademais dun obradoiro de emprego no que están a participar mozos e mozas de 18 a 30 anos inscritos/as no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, puido comprobar a intensa actividade que se desenvolve nos talleres do Fórum durante unha visita que realizou para preparar a que teñen previsto facer este mesmo mes o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes.

O alcalde iniciou o percorrido nas instalacións da Escola de Hostalaría, que acolle un curso de Servizo de bar e cafetería de 658 horas de duración. Foi un dos últimos en poñerse en marcha, o pasado mes de febreiro, e hoxe estaban a recibir unha clase de elaboración de cócteles, un dos moitos contidos que están a recibir. Xunto con esta acción formativa comezou tamén a de Programación de sistemas informáticos, a única de nivel 3 que se imparte en Carballo e que, polo tanto, vai destinada a alumnos/as cunha titulación mínima de bacharelato ou ciclos formativos de grado superior. Neste caso o programa abrangue un total de 608 horas.

O curso de electricidade é o máis longo e rematará en xuño

O curso de electricidade é o máis longo e rematará en xuño

Estas dúas accións do plan AFD viñeron a sumarse ás de Soldadura con electrodo revestido e TIG (698 horas) e Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas en baixa tensión (938 horas), que se viñan desenvolvendo desde setembro. Os monitores de ámbalas dúas especialidades comentaron co alcalde o tipo de traballo que está a desenvolver o alumnado. No caso de soldadura, nestes momentos, en colaboración co obradoiro de Revalorización de espazos urbanos, están centrados na fabricación de mobiliario urbano, con deseño propio, para rúas e espazos públicos carballeses.

O obradoiro de emprego, o primeiro destas características que se imparte en Carballo, rematará o 28 de marzo, despois de seis meses de formación. Pero os froitos do seu traballo estarán á vista de todo o mundo, xa que fabricarán bancos para as rúas Río e Sol e para a Praza do Concello, ademais doutras pezas e mobiliario para o novo centro social de Ardaña.

Tanto os cursos AFD coma os obradoiros de emprego inclúen prácticas en empresas, módulos transversais sobre formación para a igualdade, inserción laboral, sensibilización medioambiental, creación de empresas e prevención de riscos laborais, e ademais levan aparellada a obtención dun certificado oficial de profesionalidade.

Compartir: