Inicio Carballo ao día Novas Alumnado do CEIP Nétoma-Razo realiza unha...

Alumnado do CEIP Nétoma-Razo realiza unha saída con Adega para identificar as especies invasoras da súa contorna

A iniciativa, complementaria da exposición “Unha invasión silenciosa. A biodeversidade baixo ameaza”, conta coa colaboración do Horto Infantil Ecolóxico Municipal

Luns 19 de febreiro do 2018

Mañá martes, a partires das 11.30 horas, alumnado do CEIP Nétoma-Razo realizará unha saída guiada por Ramsés Pérez, educador ambiental de Adega, coa finalidade de identificar as especies invasoras que existen na redonda “para así recoñecelas e tentar evitar o seu uso en xardinería, cultivos, etc, que son motivos da entrada de moitas delas na contorna”, explica o propio Ramsés Pérez.

A iniciativa forma parte do programa complementario da exposición “Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza”, que pode visitarse no Fórum Carballo ata o 7 de marzo.  Trátase dunha iniciativa da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Carballo. Na actividade de mañá tamén participa o Horto Infantil Ecolóxico Municipal.

Unlla de gato

Unlla de gato

“A introdución de especies invasoras é na actualidade un dos principais factores de ameaza para a biodiversidade a nivel planetario”, explica o educador ambiental de Adega. Desde a asociación levan dez anos traballando na difusión deste problema, ademais de desenvolver iniciativas de estudo e actuación contra as especies invasoras en Galicia.  Neste caso, a exposición que pode verse no Fórum recolle en 13 paneis diferentes aspectos relacionados coa problemática das especies invasoras, e que amosa, por exemplo, cales son os principais ecosistemas afectados, as especies máis comúns ou que podemos facer para atallar este problema.

Compartir: