Inicio Carballo ao día Novas O alumnado do CEIP Nétoma-Razo identifica...

O alumnado do CEIP Nétoma-Razo identifica unha decena de especies invasoras nun pequeno treito de litoral

Nenos e nenas participaron nunha xornada didáctica dirixida por un educador ambiental de Adega

Martes 20 de febreiro do 2018

Vinca difformis, cortaderia selloana, carpobrotus edulis... e así ata dez especies de flora invasoras atopou o alumnado do CEIP Nétoma-Razo no treito de litoral comprendido entre A Cabreira e A Explanada de Razo. Ramsés Pérez, educador ambiental de Adega, axudoulles a identificalas e foilles explicando as características de cada unha delas así como os seus nomes vulgares, que nos tres casos citados serían vinca, plumacho ou herba da Pampa e unlla de gato.

Pero xa non se trata de que estas especies exóticas e estean presentes na nosa costa, senón que a invasión afecta a toda Galicia. Por iso, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta, e neste caso tamén do Concello de Carballo, estase a levar a cabo un labor de información e divulgación, pero tamén de eliminación e control.

A saída realizada polo alumnado do CEIP Nétoma-Razo, na que tamén colaborou o Horto Infantil Ecolóxico Municipal, enmarcouse dentro do programa complementario da exposición Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza, que pode visitarse no Fórum Carballo ata o 7 de marzo.  A mostra recolle en 13 paneis diferentes aspectos relacionados coa problemática das especies invasoras, e que amosa, por exemplo, cales son os principais ecosistemas afectados, as especies máis comúns ou que podemos facer para atallar este problema.



Galería

Compartir: