Inicio Carballo ao día Novas Agora podes coñecer o Museo de...

Agora podes coñecer o Museo de Bergantiños por dentro desde calquera lugar do mundo grazas ao sistema de Street View

O edificio do antigo cárcere estrea web propia, presenza en Google Maps e un programa de visitas guiadas a distintos recursos turísticos do noso concello

Mércores 21 de febreiro do 2018

O 2018 vai marcar un antes e un despois para o Museo de Bergantiños por varios motivos. Desde hoxe mesmo é posible coñecer o edificio por dentro desde calquera ordenador ou teléfono utilizando o sistema de Street View. Deste xeito, un dos recursos turísticos emblemáticos da vila gana en proxección e notoriedade tamén na rede. A visita virtual, que tamén forma parte de Google Maps e da ficha do museo en Google, é un dos principais atractivos da web que vén de estrear a instalación municipal grazas á colaboración da Deputación da Coruña. 

Alumnado do CEIP Bergantiños fixo a ruta dos murais esta semana

Alumnado do CEIP Bergantiños fixo a ruta dos murais esta semana

Outra das novidades do Museo de Bergantiños é que se converte na central de reservas para o programa de visitas guiadas en grupo que ofrece a Concellaría de Promoción Económica, a través do departamento de Turismo, ao propio Museo de Bergantiños, ao espazo natural de Razo-Baldaio e ao proxecto Derrubando Muros con Pintura. Este último é na actualidade un dos máis demandados. Esta mesma semana participaron no programa de visitas guiadas aos murais varios grupos de alumnos/as do CEIP Bergantiños.

O número mínimo de participantes para unha visita guiada é de 10. As solicitudes poden formularse a través da propia web, á que se accede desde o banner superior da páxina do Concello de Carballo ou pinchando aquí: http://carballo.gal/museo/visitavirtual.php?idioma=gl

Este ano tamén se acometerá a reforma do histórico edificio. No orzamento municipal figura unha partida de 229.900 euros para solucionar problemas estruturais do Museo de Bergantiños como a reparación de gretas, o illamento e a climatización ou a instalación dunha iluminación máis eficiente. Así mesmo, reformaranse os aseos, mellorarase a zona de atención ao público e colocarase unha nova cuberta no patio, entre outras actuacións que afectarán tamén á fachada da biblioteca.

Compartir: